domingo, 24 de agosto de 2008

A teima imperialista soviética (ou rusa)

Estes días botan decote imaxes da nova guerra da Europa: a de Rusia contra Xeorxia. Coa excusa de protexer os intereses políticos dos osetios entraron en Xeorxia co seu exército dispostos a pór orde e a lle facer ver ao presidente xeorxiano Saakashvili (მიხეილ ნიკოლოზის ძე სააკაშვილი) que aí quen mandan son eles. En realidade os intereses políticos ou nacionais (aforrando verbas) osetios impórtanlles un carallo a Rusia. Lembremos se non como demostraron o seu interese por pobos no seu territorio como Chechenia ou a Osetia do Norte mesma. En realidade queren controlar esa zona para os seus intereses económicos (é dicir, posición estratéxica de Xeorxia, petróleo e gas) alén de castigar as miradas de esguello que lle fai Saakashvili aos EE.UU.

Un feito semellante aconteceu xusto hai corenta anos, tendo por protagonistas os soviéticos e os checos. A entón Checoslovaquia estaba liderada por Alexander Dubček, un eslovaco membro do Partido Comunista que comezou a primeiros do ano 1968 cunhas reformas para unha maior democracia, unha apertura económica cara Occidente e gañar unhas liberdades de expresión e de prensa que daquela estaban moi magoadas pola vella escola soviética. A estas reformas puxéronselle o nome de "socialismo de face humana". Isto creaba unha certa independencia de ideas de Checoslovaquia, o cal era unha ameaza para a URSS... mais tamén para Occidente, pois non era un sistema capitalista ao cento por certo: era un comunismo aberto, con maior participación do pobo e menos ríxido e estrito có soviético. Digámolo doutro xeito: unha probable terceira vía, onde o pobo gañaba liberdades e o Partido Comunista seguía a cortar o bacallau. A reacción soviética non tardou moito en xurdir. O 20 de agosto do ano 1968 entraron coas súas tropas xunto coas dos seus aliados do Pacto de Varsovia (agás Romanía) na capital Praha, apoiándose na doutrina Brézhnev, segundo a cal calquera movemento que se dirixise cara ao capitalismo nalgún país socialista, sería un problema non só dese país, senón de todos os países socialistas. Dubček e os checos sabían que era un risco moi grande levar adiante o proxecto, mais confiaron en que os soviéticos non se acollerían á doutrina Brézhnev.

O socialismo de face humana quedou paralizado e todas as reformas que se foron creando no seu leve período de aplicación foron sendo desfeitas unha a unha, voltando á disciplina soviética. Os países occidentais non actuaron nin fixeron ren, por mor desa desconfianza cara o novo sistema, que puña tamén en perigo o capitalismo tal e como se entendía e entende. Os que no seu momento apoiaron a causa tiveron que fuxir ou foron presos. Dubček foi secuestrado e "reeducado" en Moskvá (Москва). O máis sorprendente de todo é a reacción do pobo, que cría ver unha luz no horizonte co novo proxecto e ao veren os tanques soviéticas nas prazas de Praha botáronse á rúa e lles guindaren pedras e a abanear bandeiras checas diante dos seus fociños (coma agora se pode ver tamén en Xeorxia). Foi un movemento do pobo admirable.

Con isto conclúo. Todos os imperios caen. Caeu o imperio romano, caeu o imperio portugués, o inglés, o francés e o soviético. Tamén caerá o estadounidense e tamén, moi no futuro, o chinés. Mais a pesar de caeren, seguen a ter forza. A URSS desapareceu, mais Rusia é un país potente e segue a dominar a súa periferia coma nos vellos tempos. E non lle chista ninguén, porque Rusia é Rusia. Pobres minorías caucásicas! Canto terán que aturaren até se veren a carón da extinción!

2 comentários:

miquelet disse...

Bé, he d'afegir alguna cosa sobre l'atac de les tropes russes a Geòrgia. Ossètia del Sud es un territori on més del 90% tenen la ciutadania russa i que ja ha declarat en moltes ocasions (fins i tot mitjançant un referèndum) el seu desig d'incorporar-se a Rússia.
L'atac georgià que va destrossar la capital Ossètia i va matar a milers de civils i va fer fugir a altres molts cap a Rússia, ve precedit d'un deliri de grandesa del president georgià, armat fins a les dents i entrenat militarment pels Estats Units. Quan s'ha vist amb aquest poder, ha fet allò que feia temps volia fer, però que encara no tenia mitjans. Però els seus plans van fallar. Pensava que provocant Rússia contaria amb la protecció dels Estats Units. Error. Els EEUU no van a arriscar-se a entrar en un enfrontament directe amb una gran potència militar per a defendre un interés menor.
En aquest cas, els mitjans de comunicació han informat massa decantats pels amics del gran senyor americà, obviant moltes vegades que l'origen del conflicte va ser un atac brutal de les tropes georgianes contra un territori autònom pro-rus i contra ciutadans russos.

Salut, amic gallec.

Moncho Pais disse...

Amigo Miquelet,

Por suposto, non só Rusia é culpable desta guerra en Osetia e Xeorxia. Que vou contar do presidente xeorxiano! E da actitude dos poderes xeorxianos cara Osetia, Abkhazia ou Adjara. Nesa pelexa pola unidade nacional masacran estes pobos, que, se ben demostraron a súa preferencia por Rusia, tamén teñen pedido a autodeterminación e a independencia propia, algo impensable para Xeorxia e, por suposto, para Rusia.

Eu nesta guerra presto o meu apoio ao pobo osetio e abkhazo. Non a Rusia e non a Xeorxia. É cambiar o título do tirano. Mais todos sabemos que iso está moi lonxe por eses lares... e por estes.

Unha aperta!