sexta-feira, 6 de março de 2009

Os novos "gallegos"


Hoxe quero facer unha reflexión sobre cal vai ser o futuro en non moitos anos. Feijoo, o novísimo e flamante presidente da Xunta, prometeu a derrogación do Decreto do Galego. Os pais poderán escoller en que lingua queren que estuden os seus fillos: galego ou castelán. Imos pensar que consecuencias vai ter isto.

En primeiro lugar, vaise tentar proporcionar unha igualdade a dúas linguas que compiten. Para iso, o señor Feijoo, dá por suposto que ambas as dúas linguas parten do mesmo punto. De feito, dixo que se chegou a un punto en que os nenos só podían falar castelán no descanso das clases. Non será que son os que falan galego os que só poden falar galego nas aulas porque unha vez fóra só existe o castelán en moitos lugares de Galiza? A carreira de obstáculos entre as dúas linguas é inxusta e irracional. Para comezar, o galego ten menos recursos có seu adversario. A súa presenza redúcese ao ámbito familiar e a un par de canles televisivas nas cidades galegas e en moitas vilas, alén do papeleo administrativo. O castelán está presente en todos os ámbitos, sendo de feito, o único idioma en moitos deles, sendo o galego completamente rexeitado (pensemos no mundo da Xustiza, por exemplo). O castelán ten un forte apoio das clases políticas, empresariais e sociais estatais alleas a Galiza. O castelán é a lingua que emprega a burguesía e a xente con poder en Galiza. Leva unha vantaxe de séculos e parte dun punto onde ten todos os obstáculos resoltos. O galego é unha lingua rexeitada, humillada e ignorada en moitas faces da vida e ten cáseque todos os obstáculos do mundo por diante. Se o comparamos cunha carreira de coches, o galego é un Citroën de baixa gama e o castelán un Audi último modelo deportivo. Aínda por riba, o Audi ten a gasolina de balde (pagada por Madrid) e o galego vai tirando cunha chinquiña que herdou hai pouco. Quen vai gañar? É obvio que o Audi. Gañará o castelán. Gañará porque é unha carreira inxusta e incomparable. Iso é o que tenta facer o señor Feijoo e compañía (Galicia Bilingüe): exterminar o galego. Eles dirán que nós somos os que escollemos, pero non é así. Nas cidades e na maioría das vilas os pais escollerán castelán ou ben porque eles falan castelán ou ben porque os seus prexuízos e complexos racharán a transmisión do galego nos seus fillos. Aquí é onde quero chegar.

Vai haber unha ruptura social. Feijoo, que culpou ao nacionalismo de crear un conflito social por mor da lingua, vai ser quen realmente o cree. Vai haber que separar os nenos que teñan que estudar en galego dos que teñan que estudar en castelán (ou que pensa? que van poder estar xuntos na mesma clase?). E cando pasen os anos imos ter unha xeración nova de galegos e outra de gallegos (entendendo gallego en castelán, non como o galego palatalizado dalgunhas partes do Eo-Navia). E o peor disto é que non van ser intercomprensibles, porque o bilingüismo desaparecerá. Ou cre Galicia Bilingüe que serán bilingües? Como o van ser se o seu contacto co galego vai ser CERO? Os nenos que se formen en castelán descoñecerán o galego por non ter contacto con el, porque nas clases non o escoitarán e ao saír, na rúa, tampouco. Pola contra, os que se formen en galego falarán o galego perfectamente e o castelán comprenderano sen problemas, pois nas aulas formaranse en galego e fóra o castelán é omnipresente en todos os ámbitos. Porque mesmo nas áreas máis rurais e monolingües concebibles, o castelán é comprendido grazas á televisión, aos xornais, á radio, etc. Eu mesmo, pertencente a unha desas áreas, podo asegurar coñecer e comprender á perfección ambas as dúas linguas.

O segundo problema, logo do conflito social que se vai xerar, é a xenofobia. Os falantes de galego perden cada ano que pasa falantes, pasando a ser pouco a pouco unha minoría con moitos puntos febles. Vai chegar un punto en que os falantes de galego van ser unha minoría auténtica fronte á maioría castelanfalante. Iso vai dar lugar a unha xenofobia, a un desprezo cara á minoría por parte da maioría. É un feito histórico estudado e demostrado que as minorías sofren discriminación e exclusión social. Os tiros van por ese camiño. A maioría castelanfalante, que casualmente é/será a que move/moverá o diñeiro e o poder en Galiza, vai discriminar a minoría galega alegando non coñecer o galego e esixindo o uso do castelán, lingua oficial do Estado. Deste xeito, mentres o galego perde máis falantes e o castelán os gaña, acadarase un punto en que se decida que manter o galego é "demasiado caro" para o emprego real que hai na sociedade, polo que será excluído oficialmente e dado por perdido. Os falantes de galego, pola contra, non se sabe como reaccionarán. Afundidos democrática e socialmente, sufrirán o desprezo da maioría e serán marxinados. Que farán? Non se sabe... poden morrer e desaparecer do mapa; poden consolidarse como minoría absolutísima con incapacidade intrínseca para medrar en número; ou poden empregar a violencia, como se pode comprobar historicamente con outras minorías. Os bilingües desaparecerán e ficarán reducidos aos habituais falantes de galego que empreguen o castelán para se poderen relacionar cos castelanfalantes. Os bilingües que empreguen o galego excepcionalmente e falen castelán sempre non existirán, pois serán monolingües en castelán.

Eu quería chamar a atención sobre este panorama que se nos presenta. Imos ter unha sociedade fracturada pola lingua grazas a Feijoo e compañía, xusto o contrallo do que din e defenden. O tempo dirá como acaba a cousa. Eu xa escollín (que remedio!) o meu bando.

Unha aperta ben forte!

P.D.: Por certo, "solo" neste caso leva til: "sólo". E os signos de exclamación tamén se poñen ao principio... De parte dun galegofalante...

4 comentários:

Carlos Sousa disse...

Moi boa a post-data.

Que podo dicirche? Aínda que o pintes un pouco tremendista, penso que tes moita razón.

Contoche algo persoal; Eu de pequeno fun castelán falante, non sei se sería porque o nacer na emigración (en Francia) educáronme nese idioma, ou porque o millor estaba mal visto. Cando vin para Galicia (con 6 anos) tanto falaba castelán como francés, galego nin papa. Algúns amigos falaban castelán e outros galego, recordar que vivo nunha aldea, no povo non o falaba ninguén. Adapteime rapidamente a falalo e agora o fago con case que todo o mundo.

Para a miña mala sorte, miña muller sempre falou en castelán, e claro, co meu fillo na casa case sempre fálase nese idioma, pero grazas a escola fala correctamente os dous, e ata me corrixe a veces cando me mira escribir no meu blog.

En resumo, se isto que propón o "señor" Feijo vai a diante, meu fillo non sabría a lengua esta tan marabillosa que temos.

Mandenche un rollazo, pero é o que eu vexo. Aínda así, penso que non vai a conseguir moito, ou iso espero.

Unha aperta

Suso Lista disse...

Mal rollo nos espera. Eu seguirei a falar e a escribir en Galego, aínda que o teñamos negro.

Manuel L. Rodrigues disse...

Sorteo do "Meme do Traste Galego".´
O número do sorteo da ONCE do día de onte (11 de Marzo) foi o 23488, polo que o gañador do Meme sería aquel que ten a terminación 88. Como non existe tal participante. Vólvese a sortear hoxe (día 12). Atentos ao cabezallo do blog e moita sorte.
Próximamente haberá ún outro sorteo no meu blog!!

David Alonso disse...

Yo creo que no existe competición, son dos lenguas y como tales, dos vehículos de comunicación. Un medio y no un fin en si mismo.