domingo, 29 de março de 2009

Cousas da vida

De cando en vez a vida dáche pequenas sorpresas que che arrincan un sorriso da face. Hoxe fun ao supermercado OpenCor, que non está moi lonxe de onde vivo. Polo xeral é un supermercado pouco respectuoso coas culturas foráneas (vin traducións de termos franceses ou cataláns arrepiantes!), mais hoxe puiden comprobar como cun produto en particular foi moi elegante. Falo do pan. O pan galego. Aquí chámanlle pan gallego á barra de toda a vida para se diferenciar da baguette, que é unha barra de pan máis finiña (de feito, baguette significa variña en francés). Pois ao mercalo puiden comprobar como o nome que empregaban no ticket (non no carteliño que poñen debaixo do pan) era literalmente "pan galego". Ollade o ticket (premede enriba para o verdes con detalle):


Ocórrenseme varias teorías para explicar este rara avis. A primeira posibilidade é que o chamasen así por respecto ao galego. Pouco probable por non dicir imposible. Lembremos que o carteliño que había debaixo poñía pan gallego. A segunda posibilidade é que quen crease a base de datos de produtos fose un galego e decidira cometer un pequeno erro adrede. Non sei, podería ser. A terceira posibilidade é que, en efecto, sexa un erro na escrita e lle desen só unha vez ao ele no canto de dúas. A máis probable ao meu xeito de ver.

O caso é que hoxe marchei cun sorriso do supermercado coma quen gaña unha pequena batalla, aínda que fose de casualidade. De feito, non me importou aboar o desorbitado prezo do produto (1,30 €), cousa habitual en Meiril: as cousas teñen un prezo que non é real nin proporcionado ao seu valor.

Unha aperta!

2 comentários:

M* disse...

A miña mellor amiga vive por esas terras tamén. Fai pouco contratárona os de Alcampo para facer promocións de "empanadas gallegas", con traxe rexional e todo. O detalle simpático que tiveron foi dicirlle que a ver se podía poñer un pouco máis de acento galego, que non se lle notaba que fora de aquí (galego-falante de toda a vida, con gheada, seseo, cheísmo...). Aínda a teño traumatizada á pobre...

Unknown disse...

Eu decátome pola opción do galego que traballa fóra, que aínda que non quixera, saíulle de dentro "pan galego", e non cavilou no "erro(?)" cando premeu a tegra no computador que xerou o código de barras.
Eu penso, que ás veces a concencia comunícase co cerne, e por máis que alguén tente agochar a identidade, agroman verbas lanzais da i-alma. Un grande exemplo: unha compañeira de meu, (castelanfalante), díxome: " Mi abuelo hace las pastas mal, y luego quedan "esfareladas" y no hay quien las coma". Eis aí o que hai