sexta-feira, 3 de abril de 2009

Ideas


Este domingo pola mañá ben cediño marcho de Meiril cara Esparís. Saio o domingo de mañanciña e non o sábado logo de xantar (eu choio os sábados polas mañás) porque quero aproveitar a luz do sol e ver unhas cousas de camiño. A miña idea é parar na bisbarra do val de Vidriales e rodear a serra das Carpurias, todo no fértil val do tramo final do río Eria, río nado nos nobres montes cabreireses do Teleno que finaliza o seu percorrido no río Órbigo, non lonxe da zona que vou visitar. Quero ver o Castro de Las Labradas, no concello de Arrabalde, un dos castros máis importantes de Zamora. Tamén quero ver unha serie de dolmens que hai en Arrabalde, Morales del Rey e Granucillo de Vidriales. Os dolmens non é que estean moi ben conservados se os comparamos cos galegos ou cos lusitanos, pero non están mal e teño ganas de os ver.

Outras ideas que teño na cachola para a Semana Santa é repasar o concello de Lousame. Quería voltar a Toxosoutos sacar fotos á igrexa e aos restos que queden do mosteiro. Tamén á fervenza próxima á igrexa. Outro día tiña gana de subir ao Iroite e á Muralla, que nunca subín. Gustaríame ademais botarlle un ollo ás minas de San Finx, en Fruíme.

Xa vos contarei que tal. A ver que vexo! Un bico a todos/as e deica a volta!

3 comentários:

Carlos Sousa disse...

Cantos plans! Xa contarás.

A disfrutar da viaxe.

Florentino L. Cuevillas disse...

Eiquí, na sobranceira Terra, na esmeralda esgarzada nos tebrosos eidos de graiño atlántico, agárdase a súa presenza.

Morgana disse...

E non serían demasiados plans para unha semana?

Gústame o de Toxosoutos. A última vez que estiven alí acababa de sair dun enterro, e ía en tacóns e chovendo. E sen cámara de fotos, claro. Quedei con ganas de voltar en mellores condicións, porque o sitio ben o merece.