domingo, 26 de abril de 2009

O concepto de "rancio" ou "ranzo"


rancio -a adx. 1. Que ten a cor, o cheiro e o sabor, propio do que colleu rancio [materia graxa]. Touciño rancio. ANT. fresco. 2. fig. Que é afeccionado ás cousas anticuadas [persoa], que ten esta propiedade ou condición [cousa] ou que manifesta esta preferencia [gusto, modo de actuar, etc.]. OBS. Úsase cun matiz máis ou menos pexorativo. Un vellote rancio que anda sempre con capa. 3. fig. Que é pouco tratable [persoa]. O rancio de Lourenzo non quixo vir canta-los reis. Tamén s. É un rancio. // s.m. 4. Alteración que sofren co tempo diversos alimentos constituídos de materia graxa, ben por estaren en contacto co aire, ben pola acción de fungos ou bacterias, que se manifesta con cheiro e sabor desagradable e característico. A manteiga sabe a rancio.
5. fig. Calidade do que é anticuado ou avellentado e perdeu algunha das súas boas calidades. O rancio da decoración facía a estancia desagradable. s De rancio (avoengo, familia, etc.). De nobreza antiga. Casou cunha muller de rancio avoengo.

Hoxe quero falar do concepto de "rancio". O significado segundo o Dicionario da Real Academia Galega, posto enriba, dálle sempre un sentido negativo ou mesmo despectivo, somentes subliñando o último dos significados coma un adxectivo relativamente positivo. Mais para a mocidade nacionalista criada no ambiente universitario compostelán, rancio ou ser un rancio ten un significado que non está, polo momento, en ningún dicionario oficial. Rancio ou ranciada son conceptos xurdidos a mediados dos anos 1990 no ambiente nacionalista universitario galego compostelán. Para explicar que é ser un rancio para un nacionalista, non atopei mellor definición cá feita n'A páxina das Ranciadas. Eis vola presento (corrixida ortograficamente):

"
Cando aparecen novos conceptos, a lingua adáptase á realidade ofrecendo termos que os designen. E isto foi o que aconteceu a mediados dos 90 cando a mocidade patriota que se concentraba durante o curso en Compostela comezou a xeralizar estes termos para algo que, de feito, practicaban.

O pobo galego, despois de 500 anos de escravitude colonial precisaba desquitarse e superar o autoodio e o complexo de inferioridade inculcado polos invasores españois. Asi é que a xeración máis nova de galegos/as, superando complexos, exercendo ao grao máximo a retranca e aproveitando as perlas deixadas por patriotas nacionais (Vicente Risco, Pondal,...) ou estranxeiros (Sabino Arana, etc.) comezou a practicar unha nova arte: RANCIAR.

A ranciada, o ranciar, son frases, conversas, mestura de chauvinismo con retranca e irracionalidade consciente. A maioría delas podería raiar a xenofobia e o racismo antimesetario, pero están abondo xustificadas entre os rancios pola consciencia de que o que se di é unha ranciada, e ademais... que despois de 500 anos temos dereito ao desquite, que carallo!!!!! "

Temos, xa que logo, un novo concepto perfectamente descrito. Ser un rancio é, como ben se di, falar de temas ou opinar sobre diferentes cuestións exercendo o uso da retranca ata límites insospeitados e sempre rozando a brutalidade e o irracional, aínda que sempre sendo conscientes do dito e reinterpretándoo para lle sacar ferro para logo voltar a confirmalo do mesmo xeito. A arte ou acción interpretada polo rancio é ranciar. Son sinónimos de rancio ranzo ou ránceo, así como de ranciar rancear. De feito, dicir ranzo é en si unha ranciada.

Vou tentar poñer uns exemplos de cousas rancias. Gustaríame que vós aportasedes máis exemplos e opinasedes sobre este fenómeno que, supoño, segue activo no mundo universitario galego.

-Un vello enterrado na barra dunha taberna co dedo mergullado nunha cunca branca de viño do Ribeiro mentres de fondo soa na radio un tema de Ana Kiro, é unha ranciada.
-Facer mofa dos costumes e tradicións casteláns, é unha ranciada.
-Subir O Cadramón cun torques posto no pescozo e cantando o
Deus fratresque Gallaeciae, é unha ranciada.
-Todo o enxebre en si, é unha ranciada.
-O caciquismo de pasarela (Cuíña comendo un cocido, Baltar tocando a gaita nunha lupanda de vellos nalgunha carballeira enxebre de Sarreaus, etc.), é unha ranciada.
-Que o PNG-PG estea dentro do BNG, é unha ranciada.
-Comer castañas cos bercianos falando mal de León, é unha ranciada.
-Poñer a alborada do antergo Reino de Galiza na radio do coche a un volume alto cando te aproximas á catedral de Astorga mentres os vellos te observan pampos, é unha ranciada.
-Ver no telexornal os incendios de Pontevedra e dicir que é unha ofrenda dos castrexos ao deus Lug e por riba anoxarte pola "manipulación" dos feitos, é unha ranciada.

Unha aperta! XD

4 comentários:

amauta disse...

Únome..eu tamén son ranzo!

Ser ranzo tamén sería facerse pasar por português en Meiril e desfrutar coas faces inimigas dos mesetarios!

Deus fratesque gallaecia!

Florentino L. Cuevillas disse...

Ranciar é xustamente algo perfundo. Cando agroman verbas do noso cerne e sangue, enchidas de retranca e arlotía, que louban aos nosos devanceiros con sinxelas arroutadas que lembran o cotiá, o tradicional e o patriótico enfróntandose ao ambiente alleo e actual, estamos ranciando. A ranciada necesita da compaña de máis bos e xenerosos presentes, que rían no intre exacto no que as pravoas verquidas ao ar muden a situación normal para se converter nunha "festa celta e baruda". Outra parte dos presentes, ás veces fican apampados non compartillando os risos engaiolados, por non entenderen o comportamento da civilización céltiga de Galiza.
Para acabar, unha ranciada de Murguía pechando os "Xogos Floraes de Tui":
"Galegos, imáns en Cristo, a victoria está por nós.." Outra de Castelao: "...os proxenitores da nosa caste achegaron a Irlanda un acorro inespuñabre das escencias celtas. Galiza soportou a política castelán que cortou a relazón que viñamos sostendo cos Fisterres atlántecos, até perdermos o posto que nos correspondía no concerto misteiroso da nosa raza".

Moncho Pais disse...

Cuevillas, grazas por esas pérolas dos nosos ranzos máis sobranceiros XD

Amauta, esa si é unha boa ranciada! Xa me deches ideas para o 17 de Maio XD

Unha aperta

Castrexo disse...

coma un dia fale miña omnipresente fouziña oxidada, vai saber o mundo o que é unha autentica ranziada.

Castrexo, TRASANCORVM....co torque pousado...,de momento.