quarta-feira, 15 de abril de 2009

Ceauşescu


Nicolae Ceauşescu naceu en 1918 en Oltenia (Romanía). Axiña se afiliou ao Partido Comunista Romanés (Partidul Comunist Român). De feito, foi tan activo que o fixeron preso polos seus movementos entre o ano 1936 e 1940. Segundo o poder soviético ía anexionando territorios, unha vez en Romanía, Ceauşescu foi gañando poder até chegar a ministro de Agricultura co Komitern (ou Internacional Comunista) no poder. Logo chegou a mandar nas Forzas Armadas romanesas da man do presidente Gheorghe Gheorghiu-Dej. En 1965 morre Gheorghe Gheorghiu-Dej e Ceauşescu toma o relevo no Consello do Estado e preside o Partido Comunista Romanés. Declárase estalinista e firme seguidor da política de Gheorghe Gheorghiu-Dej.

Varias das actividades de Ceauşescu comezaron con boas intencións, coma unha pequena apertura cara Europa, a condena da invasión de Checoslovaquia de 1968 ou a resistencia contra o inmenso poder da Unión Soviética, o que lle conferiu unha resistencia particular. O problema comezou cando a súa política se tornou intransixente. A policía secreta romanesa (Securitatea ou Departamentul Securităţii Statului) rematou por se converter nun terrible órgano de represión que exterminou toda liberdade de expresión e toda caste de posible oposición ao seu goberno. Ceauşescu como persoa foi voltándose máis e máis ególatra e megalómano até chegar a uns termos esaxerados. Mesmo se autodeclarou Conducător. A tal se chegou que mesmo houbo desercións na Securitatea e tivo que redeseñar a policía secreta. E que falar sobre a espionaxe? Imaxinade. Chegou a un nivel internacional tremendo.

Na década dos anos 1970 comezou un feroz e irracional proceso de industrialización que levou ao país á quebra por mor da débeda exterior, que intentou calmar vendendo practicamente todo o que se producía en Romanía ao estranxeiro. Cal foi o resultado? Pobreza do pobo romanés, fame, enfermidades, falla de medios e posibilidades, etc. Vendeu a casa do romanés e deixouno en coiros. Outra das súas magníficas ideas foi destruír poboacións rurais enteiras e trasladar os seus habitantes a Bucureşti (Bucarest) para vivir en xigantescos bloques de vivendas estilo soviético para crear, segundo el, a perfecta sociedade socialista. Logo mandou cambiar completamente o aspecto da capital. Mandou tirar a quinta parte de todos os edificios públicos e históricos de Bucureşti para construír uns novos ao seu xeito. Foi nesta época cando se construíu o Pazo do Pobo (Casa Popurului), actual Parlamento Romanés, que é o segundo edificio máis grande do mundo.

O 17 de decembro de 1989 o pobo ergueuse furioso contra o seu ditador e saíu ás rúas de Timişoara. Ceauşescu, cego de ira, mandou ás Forzas Armadas disparar a eito, sen lle perdoar a vida a ninguén. O que non contou é que lle virasen as costas e o exército se unise ao pobo, farto dunha ditadura tiránica e xenocida. Ceauşescu fuxiu nun helicóptero de Bucureşti, aínda que foi capturado e conducido a Târgovişte. En Nadal dese mesmo ano, un tribunal militar levouno a xuízo e foi condenado a morte de varios delitos, entre eles o xenocidio. Unha vez ditada a sentenza, foi conducido ao exterior e foi fusilado sen maior espera xunto coa súa muller Elena Petrescu (ou Elena Ceauşescu), man esquerda do seu home en toda a súa ditadura. Logo, o Partido Comunista Romanés foi ilegalizado. O pobo, coma na Revolução dos Cravos, ergueuse contra o seu ditador, aínda que non de xeito pacífico, senón violento, farto da terrible situación na que se atopaba.

3 comentários:

Unknown disse...

Hai xente que tiña xofre na cabeza. Unha grea de ditadores comunistas ("marxistas"), interpretaron a idea da sociedade perfecta como lles petou naquel momento. Algúns chegaron a rexeitar o mercado e proibir o uso de óculos (por exemplo) por ser "obxectos capitalistas" (no caso de Pol Pot); outros fundaron cibdades inmensas no medio da nada, para obreiros e mineiros. Mesmo chegaron a proibir o teatro clásico ou desprestixialo, polo feito do protagonismo duns poucos. Inventaron a "arte de masas", facendo os "mosaicos" nos estadios. A "Arquitectura cultural" e outra chea de barabaridades na teima de "deseñar a socidade igualitaria".
O cumunismo non fixo máis que apodrecer e tornar logo en asoballantes ditaduras que aínda nalgures continúan a súa andaina.
O cumunismo de influencia "stalinista" influiu no centro de Europa para o peor: deseños xeométricos, obras megalómanas e facianas perfectamente lavadas, agochando a borralla xusto no corazón dunha familia, ou dentro de cada habitación onde malvivía a xente.
Grazas a Deus non existen xa a maioría destes tipos, educados en occidente (en Franza ou en Inglaterra moitos deles), fillos de familias ricas, e que ficaron abraiados polos compañeiros comunistas universitarios locais,
e as súas interpretacións do libro de Marx tinguidas de "Revolución de Outubro".
Semella que houbo no mundo moitos tolos, que tiveron a oportunidade de atopar na súa xuventude en Londres ou París, as palabras exactas para xustificar a súa tolemia, e os collóns de levar adiante todo.
O malo é que ainda existe xente no mesmo nacionalismo galego que anda a aplausar de certo os ideais soviéticos. Falo da UPG.

M* disse...

Definitivamente, os extremos nunca foron bos

Unknown disse...

¡Buenas! También podríamos comentar la política integradora a ultranza de este personaje. ¿O no fueron los húngaros de la región de Timisoara los que encabezaron la revuelta contra los estertores del despotismo de este individuo? Al igual que la mayoría de ilustres de allende el Telón de Acero, de no haberse cruzado en su camino la 2ª Guerra Mundial, seguirían barriendo los pasillos de la oficina local del Partido Comunista. Saludos escépticos, J.L.