En vaia lea me meten! E resulta que agora me chegou a encarga dun meme-larpeiro ou meme-lamboirada. Enviáronmo dous irmáns á vez: o FraVernero e o Manuel L. Rodrigues. Non che vos teño máis remedio que o facer! O meme consiste en dicir un prato, comida ou doce tradicional e típico da miña zona. Este postre ou cousa de comer que escolla entrará nun sorteo entre os que boten unha rexouba no caderno de bitácora. O día 28 sortearase o produto/material e seralle enviado ao gañador no menor período de tempo posible. Aínda por riba, para que sexa efectivo, é preciso enviarlle o meme a outros tres blogueiros para que continúen propagando este virus.
Ten razón o FraVernero niso de que o funcionamento dos memes é moi semellante ao dos virus. Condanado! A quen carallo se lle ocorrería esta lerchada?!
A verdade é que na miña zona (Esparís - Viceso - Brión) as cousas típicas son as mesmas cás dos arredores. Ocórrenseme varios produtos: as ourellas, as filloas, a torta de queixo, as castañas e as noces, etc. Nada que sexa moi orixinal ou exclusivo. É por iso que vou ir máis lonxe e vou matar dous paxaros dun tiro. Por unha beira, saco de riba a obriga de ter que escoller un dos produtos de Viceso estando en Meiril; e por outra vou ser o máis orixinal dos meme-larpeiros galegos! Como agora estou en Meiril, vou escoller unha lamboirada típica desta parte de al-Andalus (الأندلس). Non. Non falo dun vale para ir ao Corte Inglés! Falo das violetas de Meiril. Entra en xogo un bo caldeiro delas.