domingo, 22 de março de 2009

Sentimentos

O que eu sinto cando falo de Galiza

Poida que o tema xa aborreza e que, en efecto, xa correron auténticos regueiros e mesmo ríos de tinta sobre o tema, pero quero seguir reflexionando sobre el. Quero falar dos gallegos, eses outros habitantes de Galiza. E quero falar deles sen ánimo de os insultar. O que vou escribir é o que penso deles e non por iso os considero uns paiolos. Porque mirade: eles existen e van estar connosco sempre (e cada vez máis). Este artigo vai estar exposto a toda caste de críticas porque es harto complejo. Corríxanme onde for preciso.

Sinto que cada vez somos unha minoría máis clara. Os galegos cada vez somos menos. Eu penso que en realidade aos que máis nos importa o destino da lingua e da cultura galegas somos aos que falamos galego. É o que coido! Eu sei que hai xente, como é lóxico, que fala castelán en Galiza e que se preocupa da cultura galega... pero como se preocupa? En que sentido? Con todos os que falei semellan dar a impresión de que a tratan como algo de museo, como algo folclórico. Dáme a sensación que ven o galego e a cultura galega como algo alleo a eles pero que o respectan e mesmo fachendean delas en certos contextos, maiormente cos foráneos. Vin como cos seus (outros gallegos) non falan do tema ou lle restan importancia até o deixar a nivel de curiosidade sen maior relevancia. Vin como eses mesmos co foráneo (pensemos por exemplo alguén de Meiril ou de Valladolid) falan do tema defendéndoo e mesmo fachendeando de ter "algo diferente" a eles que os caracteriza. Iso si, tratan o tema superficialmente e déixano a nivel de folclorada. Cando falo de folclorada falo de tópicos, de aspectos pouco importantes e destacables, de reducir a realidade a catro anécdotas multicor. É como voltar ao franquismo. A cultura galega vena coma un disco da Coral de Ruada de Ourense dos anos sesenta (o hórreo, a vaca, o cruceiro, un gaiteiro e catro mulleres bailando co traxe rexional... traxe tamén manipulado). Para eles Galiza é o marisco, las Rías Bajas, o hórreo de fondo, a vieira, o caldo galego, a queimada, o sotaque, etc. Todos eses aspectos son parte da alma galega, indubidablemente. Para min tamén. Mais eu vexo a cultura galega como algo moito máis profundo. Para min o ser galego é un universo completo que me define e me diferenza clarisimamente do resto do mundo. Eu tamén son vieira e botelo e marisco e hórreo e gaiteiro e acento orixinal e queimada. Pero iso son pequenos detalles. Eu tamén son lingua galega; son xeito diferenciado de considerar a morte; son forma diferente de se comunicar; son o trasacordo continuo vital; son a aldea como xeito de encontro coa natureza; son familia tradicional galega; son o lostro rachándome ao medio; son a dúbida; son o medo intrínseco a nós; son a decepción coa historia; son o amor á Terra. Todo iso síntoo cunha profundidade incrible. Tanto que non me deixa pensar noutra cousa de xeito independente. Non podo facer nada na vida sen considerar todas esas cuestións. Como é lóxico, esas cuestións ao final definen quen son eu e non podo deixar de as considerar. Eles tamén teñen unha relación importante coa súa terra, pero non poden experimentar os sentimentos que podo ter eu cando paso por Padornelo, cando entro no meu mundo antropolóxico, tan diferente do castelán. Eles cando pasan Padornelo senten a perda da paisaxe, dos costumes e do aire, pero non senten a perda da personalidade, do ser e mesmo do plantexamento vital. Eles seguen a falar na súa lingua co resto do mundo e expresándose con seguridade argüíndo as súas peculiaridades, mais sempre póndose da beira do alleo. Eu non podo poñerme á beira do alleo porque é contraditorio. El non é coma min. É diferente.

Non sei se quedou moi claro o que vos conto. Só quería facer unha moi breve introdución do que eu sinto que son. Non sei se o conseguín, pero eu quedei liberado por hoxe.

Unha aperta.

O que eles senten cando falan de Galicia

3 comentários:

fgul disse...

...no fondo eres un Galeguista Moncho (no bo sentido da palabra).

Vas vir para o 17 de Maio???

Moncho Pais disse...

Manuel! Teño que mirar de coller o día 18 das vacacións, pero farei por ir porque este ano, máis ca nunca, a cousa promete!

Unha aperta!

fgul disse...

pois a ver se é verdade, meu.

Moi boas!! Fai un tempo atrás solicitaches un exemplar de balde do "Antítese nativa". Ante o gran número de peticións, vou proceder a facer un sorteo entre todos os interesados. É necesario que volvas a deixar o teu nome e mail no meu blog para que, deste xeito, podas entrar no sorteo de libros.

Calquera outra persoa interesada en participar non ten máis que, deixar tamén, os datos requeridos na entrada en cuestión.

Un saúdo.