quinta-feira, 5 de março de 2009

Que pasa co galego?

Non vos imos sacar os ollos derriba en ningún intre!


Nada máis chegar ao poder, o presidente da Xunta, o señor Feijoo, anuncia a anulación do Decreto do Galego, segundo o cal alomenos a metade das materias que se impartan no Ensino terán que ser en galego. Este decreto, comentado con Feijoo e aprobado xunta el, foi axiña rectificado por el argüíndo unha suposta discriminación contra do castelán. É obvio que ao dar o seu visto bo ao proxecto, en Madrid andivéronlle no lombo e tivo que pedir papas e porse en contra. Unha vez máis, a Caverna é que manda. Pouco despois xurdiu unha asociación chamada Galicia Bilingüe que reclamaba a igualdade para o castelán, comentando que o máis axeitado era que os pais escollesen en que lingua queren que estuden os seus fillos. Con todo o descaro do mundo piden igualdade para unha lingua, o castelán, que ten todo ao seu favor: medios de comunicación, posibilidades para o lecer, o cinema, os libros, os xornais, as radios, apoio do resto do Estado, etc. Por que non pide esta asociación e o señor Feijoo a igualdade para o galego, que é a lingua ameazada? Porque eu non podo ler máis que un xornal, escoitar unha radio ou ver dúas canles de televisión. Non podo ver o cinema en galego. Non podo ler moitísimas novidades literarias en galego. Non me atenden en galego na maior parte dos sitios públicos e privados cando ven claramente que son galegofalante. Por que non pide esa caste de mafia asociada que o galego sexa oficial, poño por caso, no Bierzo ou no Eo-Navia? Por que non esixen que haxa a posibilidade de estudar galego no Bierzo en todos os colexios? POR QUE? Todos sabemos por que... É por iso que quería expresar aquí algunhas das medidas que se deben tomar perante os duros tempos que veñen para o galego e, en xeral, para todos os intelectuais e asociacións dignas deste País:

-Os sindicatos e as asociacións teñen que espertar. Basta coa comodidade! Hai que estar atentos a TODAS e cada unha das medidas que aprobe o Partido Popular. Todas as que sexan sospeitosas hai que as criticar e, se for posible, denuncialas. Se finalmente se elimina o Decreto do Galego, hai que crear mobilizacións en todos os eidos e poñer en marcha a maquinaria social.
-Absolutamente todos os gastos e proxectos que aprobe o goberno estarán baixo sospeita de hábitos mafiosos e concesións ilegais. Hai que estudar con lupa e revisar todo o que se aprobe no goberno: axudas, obras, gastos da Administración, etc. Se mercan unha neveira de 20 € o pobo ten que o saber. Se mercan un Citroën de 400 000 € o pobo ten que o saber. Que se saiba todo! Porque as mafias moven moito diñeiro... e co NOSO diñeiro non se xoga.
-Os medios de comunicación son primordiais neste labor. É de supoñer que van estar á beira do novo liderado, facéndolles a rosca e manipulando novas. Temos que atopar algún xeito de promover os medios certos que estean da nosa banda, publicando todos os escándalos e gastos que se vaian producindo no novo goberno (que os haberá, e moitos). Estes medios teñen que deixar de ser sectaristas e chegar á maior parte de poboación posible. Se é preciso, hai que crear unha guerra suxa (porca) contra os medios que nos critiquen (La Voz de Galicia, por exemplo), pois teñen o maldito costume de sacar merda sempre do mesmo lado.
-A sociedade ten que esixir vivir en galego. Se nalgún intre nos rexeitan pola nosa lingua, ten que haber unha denuncia legal e social. O comercio que te rexeite debe perder todos os clientes posibles. A Administración que te rexeite debe ser castigada. O profesor que non cumpra a lei que garante o mínimo de materias en galego, debe ser denunciado. Debe esixírselle a Feijoo que fale en galego nos actos oficiais como presidente da Xunta.
-Unha segunda posibilidade que hai que estudar é esixir que nos falen en galego sempre. En todas as ocasións. Eu tiven problemas no meu traballo por falar en galego a castelanfalantes que entendían perfectamente o que falaba. Eles esixíanme falar en castelán. Por que cando a un galegofalante lle falan en castelán non esixe que lle falen na súa lingua? Comecemos por non os comprender.
-A crispación social ten que estar latente. O goberno ten que sentir a ollada da sociedade na caluga cada vez que faga un movemento. Dese xeito pensará dúas veces o que fai.
-O caciquismo hai que o exterminar. Rematou a débeda persoal e o mamoneo.

Agora, imos poñernos en movemento. Se de verdade somos unha sociedade moderna e informada, desta non nola van xogar! E se nola xogan, cumprirase o tópico(-verdade?) de que non somos un pobo intelixente.

4 comentários:

fgul disse...

Estou de acordo; pero un pequeno dato. Non se debe caer na provocación. Hai que ser máis intelixente ca eles. Tentarán por parecer máis tolerantes cá nós. O Slogan non debe ser "En Galiza só en Galego" senon "Contra a imposición do Castellano". Obrigarlles ás grandes empresas a falarnos en Galego, pero ollo... non se debe increpar á xente de a pe por empregar o castelán, ou porémolos da parte dos fascistas.
A ver o que fai o Bloque, pola súa parte. Vémonos o 17 de Maio en Compostela (hai que encher o obradoiro).

Suso Lista disse...

Comparto o sentimento do post, e asimismo creo que é mais intelixente facer como dí Manuel. Volvemos a caverna.

Moncho Pais disse...

Plenamente dacordo, Manuel. Hai que usar as súas mesmas armas. O seu método é sempre o mesmo: queixarse da imposición. Fagámonos as vítimas (o que somos) de cara, pero activos en todo momento. Sei que non é boa idea fusilar a xente que fala castelán. Eu mesmo sei de xente castelanfalante que recoñece a imposición da súa lingua sobre a nosa. Eles non teñen a culpa en absoluto. O que si non se pode tolerar é a agresión contra nós e tamén a ignorancia activa (negar todo aínda que saiban que é certo).

Que así sexa.

Unha aperta, Suso!

Unknown disse...

Os de Galicia Bilingüe non pasaban de 5000 aquel día, deixando moitos espazos libres na Quintana. De feito a manifestación pro-Palestina, dobrou o número de xente. A diferenza estivo nos médios móbeis e prensa. No día de G.B. había polo menos 10 ou 11 carros de difentes radios, TV e xornais. Qué cona facía "Telemadrid" ese día alí? Cando estivera "La Razón" nalgún acto (xa non digo manifestación) oficial na Galiza?
Feijóo non asistiu á manifestación porque a estratexia súa era "achegarse" aos seus votantes galegofalantes do rural e por medo a perder unha chea de votos. Por riba os de G.B. eran poucos.
Pero cando toda España falou de Galiza (cando antes nin Cristo falaba) e da "persecusión do castelán", Rajoy foi ao millo e aproveitou, ordeando a Feijóo que se implicara mudando a estratexia.
Agora ten que cumprir coa Cope, con G.B., con Intereconomía, etc. que piden a morte do galego disfrazada de liberdade. Piden que pelexen en "igoaldade de condicións" un xigante e un pequeno trasno.
Penso que vai ser moito máis radical que Fraga.
E non hai que tremer contra os que negaron a nosa historia. O 17 de maio será memorábel.