segunda-feira, 1 de setembro de 2008

O habitante medio de Pozuelo de Alarcón

Hoxe vou falar do perfil do habitante medio de Pozuelo de Alarcón, localidade madrileña abondo coñecida pola súa alta renda per cápita.

Pozuelo de Alarcón sempre estivo moi relacionado coa cidade de Madrid. Na súa orixe a poboación autóctona adicábase á agricultura e á gandaría. Tamén había curtidoiros e, por suposto, xente que ía traballar á cidade. Foi a finais do século XIX cando comezaron a se contruíren as primeiras casas e residencias de "veraneo", grazas á mellora das comunicacións vía tren. As primeiras urbanizacións importantes de vivendas foron feitas nos anos 1920, mais non foi até os anos 1970 cando comezou a mudar radicalmente a súa face. Comezaron a se instalaren empresarios fortes, executivos e xente que tiña uns traballos de grandes ganancias económicas. Iso levou á creación de urbanizacións e vivendas particulares cada vez de máis de luxo e cada vez máis numerosas. Nunha segunda fase xurdiron os parques empresariais, que tornaron á vila cun aspecto claramente comercial e de servizos.

Municipio veciño de Madrid, a primeira sensación que un ten ao pasar o lindeiro municipal madrileño é a de limpeza e luxo. Indo pola estrada coñecida como Arroyo de Pozuelo cara o centro da vila pode un observar á súa dereita un dos parques de Aravaca, barrio estremeiro madrileño lindante con Pozuelo. Meterse neste parque pode ser unha auténtica aventura: arbustos a invadir os camiños, cagallóns de cans a eito por todos lados, un cheiro terrible a unha mestura entre merda e po de contrución, lixo en cada recanto, a herba sen cortar e logo está un rego chamado de Pozuelo practicamente seco e contaminado de material de obras, verteduras de lixivia e tubos a botar un estraño líquido castaño. Isto é así até o límite municipal de Pozuelo, onde a herba volta ser verde, está cortada, non hai merdas de cans e o rego está limpo, sen contaminar e ás veces mesmo parece ter auga. Se ollamos os faroles das beirarrúas poderemos observar de novo o fenómeno: os de Aravaca están vellos, funcionan a velas vir e aluman dun xeito pobre. Os de Pozuelo son modernos, cun deseño moito máis elegante, aluman cunha luz máis potente pero limpa e noviños do trinque... abofé!

Segundo nos imos internando no municipio podemos ver inmensas mansións e urbanizacións de luxo a eito. Sorprende ver unha casa de lousa acastañada (pedra sacada posiblemente da Maragatería ou da zona oriental berciana) no medio dun val desértico como o é esta paraxe. Coches de luxo e deportivos correndo coa capota aberta polas estreitas rúas; centros de lecer, deportivos, escolas e gardarías aló onde olles; etc. Un pode pensar "vaia, vívese de moito carallo acó, nótanse os cartos". Certamente, cartos hai. É ben visible. Mais de quen son os cartos? Imos ver o lado negativo deste municipio. Limpo e ordenado xa sabemos, ou iso semella, que está. De vinte e seis gardarías que hai, vinte e dúas son privadas. De dezaoito colexios, once privados. Centros de lecer e deportivos, moitos, mais todos de pago... e non asequibles precisamente.

En canto un profundiza un chisco na psiqué dos habitantes de Pozuelo descobre que todo é mentira, engano e falsidade. Para iso abonda con ir a unha das rúas máis mercantís, chamada Avenida de Europa. Abonda con botar un paseo dunha horiña para nos decatarmos de como é a xente. O primeiro que sorprende é a cantidade de tendas e negocios abertos que hai nas rúas... e a cantidade de xente que camiña sen présa a fitar para os escaparates. A calquera hora do día. A xente que camiña adoitan ir con meniños e todos ben vestidos. Sempre con roupa de marca (re)coñecida. É sinxelo observar mulleres todas enxoiadas a pasear os seus cans, sempre de raza (re)coñecida. Os cans adoitan iren vestidos con xerseis. Tamén se poden ver cans coas unllas lacadas, perrucarías de cans, cans coa manicura feita, cans con diademas, cans con pendentes ou con laciños, etc. As mulleres tamén van con todo tipo de complementos, polo xeral xoias moi vistosas douradas, gafas de sol postas enriba do pelo, maquillaxe a caldeiros e o cabelo tinguido de loiros de escándalo. O coche medio da zona é un Mercedes, ou un Audi, ou un BMW, ou un Ferrari, ou un Lamborghini ou un Jaguar. Non verás moitos Fiat, Seat, Citroën ou Peugeot. Outra das cousas que verás son moitas bandeiras españolas: colgadas nas fiestras, nos comercios, nos coches, nas correas dos cans e, por suposto, en camisolas, pins, bufandas ou mesmo cintos. Son moi españois. E sono ademais (re)coñecidamente. É sinxelo ver altos mastros e enormes bandeiras nas prazas ou nas rotondas. Iso si, que non haxa dúbida ningunha de que son españois. Non vaia ser que os confundan con portugueses ou con ecuatorianos. Logo de botar un ollo aos coches e ás tremendas (tremendas de maquilladas) rapazas que baixan deles, coma se fosen modelos de alto nivel, o mellor que se pode facer para rematar a xornada é tomarlle un café. Por exemplo na praciña que está tras a igrexa, un dos lugares máis concorridos, sobre todo ao saír da Santa Misa. Tanta é a modestia destas santas xentes que á súa igrexa lle chaman Catedral de Pozuelo. Neste intre delicioso podemos ouvir as conversas da xente normal deste ningures. Estresados empresarios que se aburren de non ir polo seu propio negocio e ríndose dos seus empregados; xente falando do moito que gañan e do último que mercaron; mulleres snobs falando de cans e de moda e roupa; grupos de amigos ríndose e insultando polo baixiño ao camareiro que lle acaba de pór candanseus cafés por ser sudamericano; familias que se xuntan para falaren das súas vacacións de verán en hoteis de super-luxo nas illas Seychelles, no Caribe, en EE.UU. (onde estudan os seus fillos), en Singapur ou na casa de Cristo; etc. Quizais esaxero, a xente nova non vai a eses destinos. Só van a Suíza a esquiaren, a London aprender inglés e a Noruega veren os fiordos. Seica hai algún que foi a Xàbia, pero non o podo confirmar.

Pagando o café (1,80 € un café con leite, 2,10 € un té normal) podemos virar cara a igrexa. Veremos familias unidas pola Santa Fe, saíndo ledos do templo. Veredes o que vin eu, unha das cousas que máis me sorprendeu e que non vin en ningures. Os pais dos pícaros, para se dirixiren a eles, falan primeiros cos seus sudamericanos criados e titores (sempre van cos nenos) e unha vez transmitida a mensaxe, estes dínllelo aos rapaces. Os pais non falan cos seus fillos! Ben é certo que non é o máis habitual, pero eu vino. E vino máis dunha vez. Logo de botar uns rezos e de escoitar ao cura loando a Jiménez Losantos, que debe ser o novo Papa, decido voltar á inmundicia de Aravaca.

O habitante medio de Pozuelo é un home rico. Empresario veterano de familia rica ou fillo de empresario rico. Non adoita traballar. Xa traballou o seu avó, agora a el tócalle rañala. Adoita ser racista cos estranxeiros, polo xeral sudamericanos, chineses ou africanos; mais sempre contrata sudamericanos para que lle limpe a casa e coide os nenos. Saen moito máis económicos. Sempre vai ben vestido e olla por riba do ombreiro á xente que non vai coma el. Posúe sempre o coche último modelo: máis rápido, máis caro, máis avanzado. Iso a pesar que todo o municipio está practicamente limitado a 40 km/h O seu tema de conversa favorito son os "grandes negocios" (que nunca van á práctica), os coches, as viaxes e as mulleres. Tamén gusta de falar de política: da inmigración e dos nacionalismos, que seica van destruíren a Santa Unidade Española. A muller pola contra é diferente. En primeiro lugar, adoita ser un parasito, isto é, vive do home. Pero víveche ben. Ten todo o día para ir de cafetarías e falar coas súas amigas de roupa, cans e viaxes. Están dacordo cos seus maridos nas opinións sobre política, aínda que non saben moi ben do que falan, é dicir, non saben nada do que falan. As máis delas van ao ximnasio para se manteren en forma e ollar para o atractivo e xove adestrador. Sempre van moi enxoiadas e conxuntadas: botan o día a se prepararen. Falan do malas que son as sudamericanas (as mesmas que están a coidar dos seus fillos nas casas mentres elas toman o café coas amigas), as árabes e as amigas que non están presentes na xuntanza. Non teñen moitas máis preocupacións... nin temas de conversa. Ambos, home e muller, son cristiáns, españois (moito) e elegantes. Os pícaros, uns egoístas e maleducados repipis. Grosos por parte pai e estúpidos por parte de nai. Non se lles pode botar a culpa: copian o que ven. Gústanlles a xente coma eles. Tamén os membros do Opus Dei, xente de ben. A outra non, é moi soez (enténdaseme: ordinaria). Non lles "interesa". Os dos Citroën e Seat son uns perdedores. Uns mortos de fame. Iso de traballar todo o día... onde se viu!


Eis o habitante medio de Pozuelo, a salvación de España.

7 comentários:

fgul disse...

hehe

Simpática crónica!!

(pásaste un pouco pero mola)

miquelet disse...

Molt bona crònica. Que es pot traslladar a molts altres llocs d'"alt status".
Si et fixes, tot volta entorn de les coses materials. Sense elles no són res. Fins i tot ser espanyolíssims significa per a ells (i elles) distingir-se dels pobres estrangers.

Salut.

FraVernero disse...

Vaia, irmán! Non coñecía eu esta faceta túa de xeógrafo urbán, viviseccionador preciso con este escalpelo verdade das realidades sórdidas que se agochan trala cobertura deslumbrante (pan de ouro) mais oca e baleira con xeso por dentro. Sabíamos que o diñeiro non daba a felicidade (iso dín). Vemos tamén que non dá demasiado no referente a gusto, dignidade e intelixencia...

Unknown disse...

¡Buenas!

La crónica definitiva de los felices años 90 en Madrid fue "Misterios de Madrid" de Muñoz Molina. Lo sórdido y lo soez convivían en la mente de quien cambiaba su nombre de Pepín a Jota Jota, mezclando con desigual acierto el brazo incorrupto de Santa Terasa con los insondables calcetines del banquero exitoso (nunca se le verá un pelo por mucho que se levante la pernera del pantalón) Ya veo que la gente de entonces ha cambiado. ¿O serán los mismos con una nueva chaqueta? Debajo de los estrafalarios modelos de marca se esconde todavía la España harapienta del aceite de colza.

Saludos y suerte,

J.L.

javierdmg disse...

Crónica formidábel. Lémbrame á xente do bairro da Recoleta en Bos Aires. Trocas algúns personaxes e xa está. A mesma historia que muda de hemisferio.
Moita xente pensa que o aparentar ou semellar ser cara aos demáis é o máis importante da vida.
Tamén os beduinos montaron un grande cenario de rañaceos no medio do deserto (para non ser menos), con pistas de esquí e parques acuáticos.
Será que os de Pozuelo por morriña e semellanza cos seus devanceiros fixeron o mesmo? A diferenza está en que en Dubai hai mar.
Que razón tiñas, grandeiro Murguía!!!

Patricia Gallardo. disse...

Querido Moncho:

Como habitante de Aravaca teño que decir que o que dis é certo, ainda que te pasaches un pouquiño sobre todo no tema das mulleres.

Non digo que teñan cerebro (que estar, está ahí, pero non lles sirve), pero parece que os homes sí saben do que falan (de política facha) e que as mulleres solo lles copian sin saber do que falan (non me sexas machista).

Vamos que o meu resumen é que ninguen sabe do que fala porque ó único que fan é repetir o que din na cope (o discurso e igualiño).

É patético, pero é a realidade, e no solo da esta parte se non de casi todas. Viva a globalización e o fachismo.

Bicos e ata máis ver.
Patri.

Unknown disse...

Hola Moncho, me ha hecho mucha gracia lo que dices de los habitantes de Pozuelo, sobre todo los perritos con sus ropitas y adornos jeje. Exageras un poco... Es verdad que el ambiente de Pozuelo es de lo más repijo, pero también hay gente normal como yo, claro :-P. Antes cuando era pequeña, no habia tanta construcción y el ambiente era más humilde. Es una pena como ha evolucionado.
Lo que dices de las mujeres, estoy de acuerdo con Patri...

P.D: Está muy bien tu blog, aunque me cuesta entender el gallego, es taaan difícil jeje. Besos