quinta-feira, 6 de novembro de 2008

Ah! A música...

Ai, meus compañeiros! Que seriamos nós sen a música? Unha caste de bestas incivilizadas e incultas, comedoiro e maseira da paupérrima variedade cromática da crúa gris realidade.

Hoxe un traballo imprescindible dun grupo imprescindible. Galego. Para os nostálxicos do Avante e o movemento de liberación nacional-estudantil universitario compostelán, un clásico. E con razón. Quen non asubiou ou cantou algunha das súas composicións? Nunca vos sentistes plenamente identificados? Nunca vos entrou ben dentro, de punteirolo dereito ao corazón rachando mareas vermellas de sangue?

Xenreira (un saúdo se algunha vez me les, Veriño!) xurdiu a mediados dos anos 1990 na Estrada (terra brava!). No seu único disco, Érguete!!, de 1997, remexen ska, rock e reggae acadando unha excelencia insólita na música galega. Autoclasificados como rock irmandiño, hai quen o mete no mesmo caldeiro có bravú, aínda que son algo posteriores. Temas históricos cheos de forza coma Onde a loita se chama As Encrobas, que lembra as mobilizacións populares dos anos 1970 contra a pretensión de destruír e contaminar a paisaxe galega. Mil nove 36, onde se lembran os feitos da Guerra Civil Española, acompañada pola xenial voz de Mini da Quenlla e Fuxan Os Ventos. Acción galega, arquicoñecido e pletórico poema de D. Ramón Cabanillas (Don Ramón de Cambados). Recluso 241, forte crítica ao trato dado cara os presos galegos. Érguete, Radio Skarnio, Alalás, Ozono, A reixa, Viva a nosa unión, O pobo é quen máis ordena e Mesmo berce, mesma loita. Todos os temas son imprescindibles.

En Érguete!! participaron coas súas voces o magnífico Mini, Uxía Pedreira e Chito de Chouteira.

Alén o seu disco Érguete!!, gravaron o tema Selección ska con Nacho do Compostela para o disco Selección xa!, onde reclamaban o dereito a unha selección galega de fútbol (hoxe acadada); e o tema Presente! para o disco primeiro de Unión Bravú, onde se dan a coñecer varios grupos deste movemento musical xenuinamente pangalaico. Sei ademais que gravaron unha primeira maqueta antes do disco oficial e ademais unha segunda maqueta posterior ao seu traballo inédita. Sabe alguén delas? É posible conseguir este tesouro? Darei todo o que estea na miña man e alma por poder ter ese inmenso pracer de a escoitar.

Xenreira desfarelouse o mesmo ano da súa vitoria: 1997. Cadaquén colleu cadanseu camiño e continuou o seu vieiro, mais deixaron en nós unha pegada imborrable gravada a lume no peito e nas ideas.

Amigos, ofrézovos un agasallo único. O seu disco. Se hai alguén que non os escoitase, por favor, saian das tebras e a escuridade. Vexan a luz do mencer. Picade sobre a portada do disco e poderedes ter esta obra mestra.


UNHA APERTA FORTE E GRAZAS POR TERDES EXISTIDO!


3 comentários:

miquelet disse...

Vaig tindre l'ocasió de escoltar i poder gravar-me el disc a una cinta de cassette (quina època) a través d'un amic que no sé com el va aconseguir. Vaig ficar la cançó de "mil nove 36" a un dels recopilatoris de cançons que em feia per al cotxe.
Ja deia jo que no vaig tornar a sentir parlar d'ells. Una llàstima que no continuara avant aquell grup de músics.

Salut.

FraVernero disse...

Música celeste das esferas... A música é o arte inmanterial que máis eleva os sentimentos, incluídos os patrióticos. Os enigmáticos pitagóricos vían nela a escrita do universo...

Xenreira son unha peza gloriosa na música do país, e certamente unha mestura híbrida e curiosa. A pena é que remataran esfarelando, anque soe ser un final moi habitual nos grupos.

Moncho Pais disse...

Un apunte máis sobre Xenreira. Esquecín comentar que saíu un single en vinilo da sala NASA no que cantan a canción "¡Voa!", adicada a Pino Riccardi. Na cara B está o grupo Sed de Mal co tema "¿En qué nos hemos convertido?".

Unha aperta!