sábado, 15 de novembro de 2008

Deitado frente ao mar

Língoa proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque si, porque me gosta,
porque me peta e quero e dáme a gaña;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque si, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra língoa.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os baleiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias decotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.

Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada frente ao mar, ise camiño...


3 comentários:

Suso Lista disse...

Je, je. Recoñezo esa foto. Xa ves que volvo, como a marea. Apertas

miquelet disse...

Gran foto. Aquesta creu és el símbol de ue una bona part del teu poble té la vida i la mort a la mar.

Salut.

Moncho Pais disse...

SUSO LISTA, es sempre benvido, amigho! Es coma a marea, pero sempre marea con boas novas :-)