domingo, 14 de dezembro de 2008

O sebastianismo


O sebastianismo foi un movemento que se orixinou no século XVI en Portugal e que tivo moita expansión entre o pobo. É un curioso movemento que comezou dun xeito místico e foi virando cara unha procura dun patriotismo perdido máis comprensible.

Os feitos sitúanse no ano 1578. O rei de Portugal do momento era Sebastião I, sétimo rei da dinastía de Avis, neto de João III e tataraneto dos Reis Católicos de Castela e Aragón. De natureza feble e criado polos xesuítas dende neno, só soñaba con batallas románticas e con cruzadas cristiás. Chegou a acadar tal obsesión que o seu único propósito era conquistar o norte de África a pasar a coitelo todos os xudeus que non se convertisen. Viu a súa ocasión para o facer coa expulsión do trono do sultán marroquí Mohammed al-Mutawakil (Abu Abdallah Mohammed II Saadi). O tal Mohammed II pediulle entón axuda para o restaurar o seu reinado e vencer ao seu adversario Abu Marwan Abd al-Malik (أبو مروان عبد الملك الغازي), axudado polos otomanos na caída de Mohammed II. Sebastião I, logo de se asegurar a axuda do seu tío español Filipe II con aportacións económicas, foi á guerra, a pesar da contrariedade de moitos sectores que rexeitaban tal aventura, argüíndo a necesidade de frear o dominio otomano fronte ás costas portuguesas, pois perigaba o comercio co Brasil, Guiné e as illas atlánticas. A batalla coñécese co nome de Batalla de Al Qasr al Kabir (القصر الكبير), lugar onde aconteceu. Nela morreron os tres reis da disputa: Sebastião I, Mohammed II e Abd al-Malik, ademais de practicamente toda a nobreza portuguesa e o escritor español Francisco de Aldana. As consecuencias foron claras: Portugal e Marrocos ficaron sen reis. A fame, o cansazo e a calor africanas deitaron o exército portugués ao chan. Os nobres portugueses supervivintes foron feitos prisioneiros. Os xudeus, por outra beira, eran felices, pois a morte de Sebastião I aforráballes a morte. A situación éravos fodida. Portugal quedaba cun gran baleiro de poder, sumido no loito (foron cuns 15000 homes á guerra) e Sebastião non tiña descendencia. Ademais, o tesouro portugués foi moi minguado polos gastos da guerra e polos pagos para recuperar os nobres prisioneiros. Logo dunha tempada de pelexas entre herdeiros, fíxose co trono Filipe II de España en 1580.


Entón xurdiu o sebastianismo. O corpo de Sebastião I nunca apareceu na batalla. O máis posible (seguro) é que fora desfeito na batalla e pudrise axiña polas altas temperaturas africanas e devorado polas alimarias. Mais no pobo comezou a xurdir a lenda de que non morrera, e que axiña había de voltar reclamar o seu trono. Esta lenda foi ademais maior coas Trovas feitas por Bandarra, que aseguraba que había voltar e que fora visto nalgúns lugares. A lenda correu coma a pólvora de sur a norte de Portugal, chegando a ser unha auténtica crenza popular. Os intelectuais da época enfocárono coma unha necesidade de atopar ese patriotismo perdido, logo da perda da independencia portuguesa diante de España, entre eles o grandísimo Fernando Pessoa. Houbo quen reclamou o trono admitindo ser o rei Sebastião I, coma Gabriel de Espinosa, pero foron pasados a coitelo ao se demostrar a súa falsidade. O sempre grande Camões chegou a dicir en referencia á chegada de Filipe II ao trono portugués, que el amou tanto a súa patria que non só ía morrer nela, senón con ela.

Portugal restaurou a súa independencia en 1640 logo dunha boa xogada dos duques de Bragança.

Hoxe ninguén é sebastianista, aínda que hai moito nostálxico da desaparecida monarquía portuguesa e o defende. Podemos observar de todos xeitos como en toda unha sociedade se pode crear unha lenda baseada en feitos históricos e levada á paranoia. Unha paranoia polo descontrol absoluto dunha situación insostible, onde moitísimas familias non asumían a morte dos seus familiares mortos en combate e a decadencia de toda a sociedade, dende labregos a nobres e até o mesmo El-Rei. O concepto máis próximo é o mesianismo. Existe o mesianismo!

Unha aperta a todos!

2 comentários:

Unknown disse...

Good evening!

A riesgo de entrometerme en los sueños de un pueblo, no vendría mal aplicar la regla milimetrada de Clausewitz al infausto rey de Portugal, quien si hubiese leído menos a Amadís de Gaula y se hubiese fiado menos de cierto caudillo magrebí que le había prometido el oro y el moro, no habría terminado roído por los carroñeros. Esa insensata expedición estuvo condenada al desastre ya antes de partir, es una lástima que no se hagan películas trágicas sobre hechos así. De ilusiones también se vive, y muere. Escépticamente, J.L.

fgul disse...

Vaia Moncho!! O teu ha-se converter "no blog" por excelencia (como sigas con estas crónicas de historias comúns)

Cando o veremos por Galiza?