terça-feira, 26 de agosto de 2008

O menosprezo de George Steiner por nós

Hoxe sentinme ferido, aldraxado e agredido.

Leo francamente abraiado e alporizado no xornal El País unha entrevista que lle fixeron a George Steiner, xudeu de orixe vienesa nado en Paris que se adica a escribir libros sobre si mesmo na etapa final da súa xa longa ―excesiva, digamos― vida. Este home, considerado un xenio por algúns, premio Príncipe de Asturias no ano 2001, decidiu abrir o seu corazonciño e a súa cabeciña ao mundo español nunha entrevista desnortada, alucinante e sangrante. Nela di auténticas marabillas (tivo que escachar a testa para dar con esas conclusións!). Cando o IRA decidiu deixar as armas, o insigne profesor prediciu a fin tamén da ETA. Como, en efecto, a ETA aínda está a actuar, admitiu o seu erro magoado diante do xornalista. O xornalismo pregúntalle que posibles causas hai para que o movemento armado vasco continúe a exercer a violencia. A resposta de Mister George Steiner non tardou. Comezou a maxinar que a ETA non pode desaparecer porque os vascos falan unha lingua estraña, illada no mundo, que fai que non conciban nada ao seu redor, procedendo á violencia armada por mor desta "incompresión" do exterior. Estudemos este comentario:

Primeiro. Os vascos non conciben o mundo exterior e por iso son violentos. Segundo esta estúpida teoría, todos os falantes de éuscaro son violentos, é dicir, son etarras. Hai que arrestalos! Cadea perpetua! Pena de morte! Que vergonza...!
Segundo. Falar linguas estrañas íllate do exterior e fai que sexa incomprensible para ti. Non sei que pensarán os amigos vascos e navarros, pero a min o alemán, por exemplo, paréceme unha lingua estraña de carallo. Iso íllaos do mundo? Entón que fan en todos os mercados do mundo? Por que é unha potencia? Quizais iso explique o nazismo... quen sabe!
Terceiro. Os vascos non se comunican co mundo exterior. Refírese a Marte ou a Venus? Porque que eu saiba os vascos comunícanse cos habitantes de La Rioja... os cales, por certo, van traballar a Euskadi, onde os recibirán falando en éuscaro e a tiros, segundo o honroso profesor Steiner. Tamén disque que hai vascos que están fóra de Euskadi e non andan a tiros. Non sei... ao mellor son contos!

O xornalista abraiado (non sei se alporizado) pregúntalle se cre que no fondo da cuestión terrorista está a lingua. Vaia, se a violencia é por mor das linguas. A súa resposta foi un "quizais". E logo mudou de tema axiña. A un tema diante do que esperaba unha complicidade pola beira do xornalista. Unha chiscadiña. Di que ouviu que en España hai unha universidade que obriga a falar en galego. O xornalista di que é obrigatorio compaxinalo co castelán ao igual que se compaxina catalán e castelán en cadanseu territorio. Entón Mister George Steiner di que como vai comparar o galego co catalán. O catalán é unha lingua culta de gran tradición, en troques o galego é unha merda noxenta e cheirenta que non vale para nada. Que é imposible que sexa obrigatorio. Non lle cabe na cachola! O xornalista respóstalle que consideramos o galego como parte fundamental da nosa identidade, ao cal Steiner espeta que iso leva á rexionalización e á xenreira entre etnias. Ollemos e comentemos este anaco da entrevista:

Primeiro. É obrigatorio falar en galego nunha universidade de España. Por favor, que alguén me diga cal é, porque eu estudei na de Compostela e non era en absoluto obrigatorio. Aínda digo máis: de todos os meus compañeiros, falariamos en galego un 25%, e iso mexando por fóra do testo. Con respecto aos profesores, tan só había tres que falasen en galego en toda a miña carreira. O resto en castelán. Aos alumnos non nos obrigaban e a eles, lamentablemente, tampouco. Nin un mínimo legal se cumpría. Por certo, cónstame que nas universidades da Coruña e de Vigo tampouco é obrigatorio. Serao no campus de Ponferrada? Sería unha nova sorprendente para min! Ou talvez en Valladolid? Vaia, que erro cometín ao non estudar nesa universidade feliz e platónica (de amor). Quen soubese!
Segundo. Como se vai comparar o galego co catalán!? O catalán ten tradición e literatura. O galego serve para falar coas vacas máis nada. Cantas veces escoitei xa isto? É obvio, que Mister George Steiner, por moi bo filósofo e literato que sexa, non ten nin idea do galego. Semella incrible que un home desa importancia descoñeza as Cantigas de Santa Maria de Afonso X o Sabio ou as cantigas de amigo, amor e maldizer. A miña curmá sabe desas cantigas e non ten máis de trece anos! Será a miña curmá unha superdotada, un xenio, un talento? Mágoa que non exploten ese maxín. Nin o dela nin o de todos os seus compañeiros de clase, pois todos saben da súa existencia. Semella incrible que non coñeza a obra da xenial e fantástica Rosalía de Castro. Ou da voluminosa obra do padre Sarmiento (berciano, por certo). Ou de Curros Enríquez. Ou de Castelao, o grande Castelao. Ou do enciclopédico e moderno Otero Pedrayo. Ou do noso case nóbel Méndez Ferrín (aínda que non llo darán por falar unha lingua asoballada coma o galego). Que quere que lle diga, señor Steiner? É vostede un ignorante. Alo menos dixo que o catalán ten boa cultura, que é certo, oia.
Terceiro. O galego existe e iso vai provocar división étnica coma nos Balcáns. Vaia sorpresa, non sabía que se ía desatar unha guerra por mor da lingua galega. Vaia carallada! E como non a houbo ata agora? Porque cada vez fálase menos. Cando practicamente só se falaba galego (é dicir, hai trinta anos...) non había ningún conflito armado. E agora tampouco. Quizais teremos que agardar a que haxa 500 000 falantes tan só para coller as armas como acontece en Euskadi e Nafarroa (segundo a súa teoría). Pois non che sei. Faime sentir mal pensar que os meus pais e máis eu nos imos pór a matar españois por falar galego. Vaia arroutada nos daría! Como é posible que unha persoa de tanta sona e tan respectada compare o caso de Galiza cos Balcáns? Non ten nada que ver! Hai varias relixións en Galiza? Cantas linguas hai en Galiza? É igual a historia dos Balcáns cá galega? É un absurdo total e ferinte. Ademais, na súa querida e culta Catalunya tamén se fala outra lingua que vai rematar en xenreira étnica segundo a súa estúpida teoría. E de feito levan xa moito máis traballo adiantado ca nós e xa proclamaron repetidamente o seu desexo de autodeterminación. Non é iso contraditorio co cultos e "impresionantes" que son?

A cousa non hai por onde collela. Eu síntome hoxe mal, aldraxado, humillado e alporizado. Outra vez. Como tantas e tantas veces. Desprezado por xente que odia o que non coñece, por xente ateigada de ideas preconcebidas e desnortadas e por prexuízos agresivos e ignorantes. Este home non saíu da Caverna. Será a idade, que xa vai vello e non lle furrulan os miolos. Ser será, mais sempre saen perdendo os de sempre. Nós. Nós sempre aldraxados.

Señor Steiner, voulle dar unha idea. Vaia... unha reflexión coma as súas, pero quizabes con algo máis de fundamento. Non sei, pénseo. E logo non será que a ETA se fundou precisamente por mor de xente coma vostede, que despreza as culturas diferentes á súa? Cavile. Por que lle ha de interesar aos vascos o "exterior", cando o "exterior" é o que o maltrata e humilla? Non será iso o que os fai illarse? Non sei, sonche ideas que me xorden agora. É posible que estea errado. Ou non. Eu pola miña parte, se non lle importa, seguirei a escribir este caderno en galego, esa lingua sen futuro nin tradición literaria, seica. E non agardo moito máis de vostede. Tan só que deixe paso ás novas xeracións e que lle vaia mal polo Alén. Seica no inferno se está quentiño. Déalle un saúdo ao führer, o mesmo que o fixo fuxir cara aos EE.UU. cos seus pais xudeus e que fala esa lingua tan estraña chamada alemán.

Boa morte física, señor Steiner, pois intelectual xa hai tempo que morreu.

Quen queira ler o artigo completo de El País, pódeo facer picando nesta ligazón.

5 comentários:

miquelet disse...

Aquest intel·lectual de pacotilla és el que es troba aïllat de la realitat. Segurament la única visió de la nostra realitat haja estat algun article de "El Mundo", les tertúlies de la COPE o alguna conversa amb un juntalletres de la "vella escola". D'aquesta manera és impossible conéixer allò que ocorre al teu voltant. Si mai et traus les ulleres amb lents blaves, mai veuràs el vertader color de les coses.
No et faces mala sang. Aquestes "conclusions" tan reaccionàries mai transcendeixen més enllà del cercle dels fatxetes. No mereixen ni la nostra ràbia. Sols indiferència i si pot ser deixar-los en ridícul.

Salut.

fgul disse...

Aissshhh!!! Xa me quitaches a entrada.

Oes? Debería existir unha especie de web que recollese este tipo de cousas, poñelas todas xuntas e amosar ao mundo o que é que son algúns "intelectuais".

enfin...

amauta disse...

vaites...é grave a cousa. Concordo co comentario anterior. Hai que facer unha web de "perlas" deste estilo.

Saudos!

FraVernero disse...

En boa parte dacordo, irmán. Deixemos pacer a lingua un pouco...

O verdadeiramente sangramente, ao meu ver, non é tanto (é a liña que parece seguir a AELG para tentar facer que o sr. Steiner 'volte ao rego') o descoñecemento pola súa parte da tradición literaria galega, que pouco ou nada lle ten que envexar á das literaturas de varios estados-nación europeos (Lituania, Dinamarca, Eslovaquia) cos que seguramente o señor Steiner non había de amosarse tan ousado e tan taxativo. Non. O escandaloso é que a estas alturas (e depois do paso, tamén polo centro do sistema literario e cultural, do poscolonialismo, da escritura da diferenza, etc...) un intelectual e persoa intelixente (coma sen dúbida é o caso, anque a diletancia e o descoñecemento dan lugar a meteduras de zoca) siga discurseando e considerando que hai línguas 'universais' (por suposto, as europeas, e dentro destas, as dos países máis ricos e densenrolados, con capital cultural alén do material), nas que se manexan os bos comparatistas, e logo as línguas 'indignas', pasto de nacionalismo de aldea, excluíntes e ignorantes do exterior, reinos de particularismo indignos de ascender á escada da universalidade (e da universitas, ao que se ve). Esta xeopolítica cultural é agardábel na nostalxia cómoda de certa intelligentsia pola língua universal, pero insisto, custa crer que aínda hoxendía se defenda con tamaño cinismo imperialista e ousadía. Ben debería aplicar o señor Steiner aquelas palabras doutro xudeu alemán e intelectual, Walter Benjamin, e que só retóricamente parece aceptar: toda historia da cultura é tamén unha historia da barbarie que non podemos deixar de ver con horror. Neste caso, a da barbarie lingüicida e imperialista dunhas línguas privilexiadas por riba das outras.

Moncho Pais disse...

Brillante exposición do problema que envolve a mister George Steiner, FraVernero.

Un saúdo!