terça-feira, 30 de setembro de 2008

Questões!

O primeiro, desculpas aos lectores (en especial os sectores máis radicais e esixentes) pola demora. Digamos que o meu computador morreu e tiven que o resucitar, e iso levou o seu tempo. Por fortuna o milagre virou realidade a resurrección e velaquí me tedes de novo ao teclado. Teño mil ideas na cachola que irei debullando nos próximos días. Hoxe vou responder a unhas cuestións espetadas (literalmente) polo sempre xigante FraVernero para cumprir a miña obriga de cabaleiro autoproclamado. Procurarei ser conciso, cousa difícil en min. Velaí as van!

I) Que canción che gustaría escoitar?
Home... como gustar gustaríanme unha chea delas. Se te refires a cancións que xa coñezo, pois dígoche algunhas que sempre estou disposto a escoitar por pór mostras. Keltia, Espellismo ou Os druídas de Taranis; Onde a loita se chama As Encrobas ou Mil nove 36 de Xenreira; e Esmorga nas Crechas, Algo vai mal ou Rogha liadroma de Alecrín. Se ao que te refires son a cancións que nunca escoitei pero que me gustaría poder escoitar, pois calquera do disco Galicia canta, publicado en Venezuela fóra da censura franquista, onde participan varios cantautores galegos da Nova Canción Galega.

II) A que libro lle botarías un ollo?
Botaríallelo e, de feito, vóullelo botar a Binomio de Newton de Cándido Pazó (Baía Edicións) e a As douradas sílabas de X. M. López Ardeiro de Suso Sambade (Editorial Toxosoutos).

III) Con quen che gustaría falar?
Agora mesmo con quen máis me apetece falar é co Manuel L. Rodrigues e co FraVernero a carón dunha lareira mentres guindamos uns chourizos envoltos en papel de aluminio nas brasas... doce recendo a fume de loureiro e chourizo asado!

IV) Que che gustaría comer?
Buh! Vaia pregunta! Co larpeiro que son... Botelo con cachelos e repolo cocido, polbo á moda da feira (imprescindible a boa compaña, por favor), a ensalada rusa e o arroz con polo que fai a miña nai os días de festa (eu non sei que carallo lle fai que me sabe a gloria!) ou os tallaríns Thai polo que fan no restaurante tailandés Bangkok da rúa Bordadores de Madrid.

V) Que farías e que che quedaría por facer?
Tería que buscar algún xeito de fuxir das miserias e vaidades que produce o mundanal diñeiro: a dependencia del. Iso implicaría directamente nun substancial aumento de tempo libre que posibilitaría facer cousas. O que faría? Tantas cousas faría... Recoller a microtoponimia de Viceso; aprender gaélico irlandés; viaxar e peneirar ben Os Ancares, O Courel, O Xistral, O Eixo e O Xurés/Gerês; aprender a tocar a gaita; ler os libros da parte alta do andel da miña casa; botar faladoiros infindos cos compañeiros e amigos; prender lume a unha bandeira española no Día das Forzas Armadas diante do exército e saír vivo do conto; buscar a Biblia Galega perdida en Armenia; rebentar e decapitar o capitalismo; etc. Boeno... o típico, non?

Aproveito para facer mención á xustísima reclamación que está a facer o Col·lectiu Republicà del Baix Llobregat para pedir o desagravio de Lluís Companys por parte de Francia e Alemaña. Como sabedes, Companys foi detido pola Gestapo en Francia no ano 1940 e posto en España diante dos lobos fascistas. Alemaña pediu desculpas. Francia négase a o facer. Foi só culpa de Alemaña? Eu vexo clara a contribución francesa para o capturar... ía ser molesta unha República Catalá para Francia, sobre todo cando parte do seu territorio é de lingua, historia e culturas catalás. Mais que se pode agardar do Estado Francés? Comprensión? Érache boa! Aí queda o trasacordo no ar. Un apreixo!

3 comentários:

miquelet disse...

Fa poc temps em van fer les mateixes preguntes, però formulades en el supòsit de que em faltara un dia per morir-me.
Les meues respostes van ser:

1- Perquè és una cançó que m'agrada i perquè tindria relació amb la meua situació concreta, "Bon dia" de "Els Pets".

2-Un llibre necessita temps per gaudir-lo, i si dedicara temps a un, no podria fer res més en aquest darrer dia. Faria un repàs visual per la meua biblioteca i pegant una ullada al Diccionari de la Llengua Catalana.

3-Parlaria durant una gran festa amb totes les persones que aprecia, tot regat amb litres de alcohol i milers de somriures.

4- Un arròs amb conill i cargols cuinat amb llenya de sarment.

5- Una cosa que em quedaria per fer (i que mai faré si no sé que moriré en breu) seria provar les drogues, sobretot perquè m'ajudarien a superar l'angúnia dels darrers minuts. No sóc cristià i pense que nosaltres ens acabem amb la mort. És difícil concebir com és el no-ser.

Per cert, vergonyós el que ha fet França. Molt de l'estil del PP amb la memòria dels damnificats pel franquisme. Al cap i a la fi, ambdos tenen trets comuns amb el feixisme.

Salut.

Unknown disse...

Eu vou poñer as cousas que hoxe teño na cabeza.
1)Gostaríame escoitar estomballado no Corgo da Fonte a Ruada de Beariz na versión de Cantigas e Agarimos para empezar. Logo a Ribeirana de Ventosela, do disco de Xosé Lois Miguélez, xunto co piano sentindo o aer galego do vento que daquela peiteaba o cabelo de Pondal, e para rematar pola noite, a versión de "The things that you said" de "The Dust of Basement" xunto a unha candea e unha rapaza vestida de gótica
2)A todos os de Ferrín, a calquera de Maria de la Pau Janer (para ler algo "Light"), voulle botar ollos á versión galega d' "O Señor das Moscas"
3) Gostaríame falar con Vicente Risco e comigo mesmo (Florentino) xunto a un Castro pra logo facermos un faladoiro onde agromen verbas rancias.
4) Gorenta comer carne da Arxentina, de lombo de "Shorton", logo un cocido infindo con todo ou un Rodaballo con patacas feito por Carmiña na zona vella de Vigo.
5) Quédame por facer moitas cousas: Ademáis do típico (ter fillos, foder canto poda antes de casar nunha misa bilingüe latín-galego cunha celta,etc), quédame publicar algún libro, sacar un disco anovador con gaita, faladoiros, cuspirlle a el-rei, erguer unha bandeira galega no medio do Bernabeu. Moitas cousas...

FraVernero disse...

Moi gorentosa a resposta, irmán. Non agardaba menos de ti, claro...

O dos chourizos convértese nun compromiso inexcusábel para cando andes libre por terras galaicas. Pódese artellar de xeito estupendo. Eu teño lareira, e habitación na que te poidas acubillar, e Emaín vive a poucos kilómetros...

Un é fanático do repolo no caldo, anque probei un con calabaza e fabas que non estaba nada mal. O Tailandés fica algo lonxe -unha vez comín nun en Inglaterra, e gustoume moito-.

Plena solidariedade con Companys, que xa é hora que o reivindiquen. A estampa del pa min sempre é aquela na que está coa Generalitat en pleno 'no trullo' despois do 34...