quarta-feira, 15 de outubro de 2008

O Piloto: o derradeiro maquis asasinado

Imos falar do Piloto. O Piloto é, xunto co Foucellas e co Mario de Langullo, o máis famoso maquis galego. O seu nome auténtico era Xosé Castro Veiga, e nace en Boelle (Arxemil - O Corgo) en 1915. En 1931 entra na Aviación (de aí o seu alcume) e loita pola República até que en 1939 é apresado e condenado a trinta anos de cárcere. Sae da cadea en 1943 grazas a un indulto, mais el continúa na política vencellado (oficialmente) ao PCE. De 1946 a 1947 encabezou o Destacamento D da III Agrupación Guerrilleira de Galiza (a de Lugo), onde tiña varios compañeiros fuxidos no monte canda el. O ano onde as súas accións foron máis cruentas foi 1948, onde a actividade represiva se intensificou e a dos fuxidos tamén en concepto de vinganza. De todos xeitos, os seus movementos eran moi irregulares. O Piloto recoñecía a necesidade dunha unidade e dunha boa conexión entre os diferentes membros, mais só para actuar de xeito ocasional, mantendo cadaquén os seus refuxios e as súas casa de apoio. De feito, o Piloto ía case sempre á súa bóla, como medida de seguridade (algo que lembra ao Foucellas, que tamén desconfiaba dos grupos por ser máis arriscado e sinxelo de seren captados, preferindo sempre moverse só). Entre 1945 e 1948, os membros do Exército Guerrilleiro confiaban na vitoria contra o franquismo pensando na dos aliados da II Guerra Mundial, e foi nesta época cando houbo maior acción nos grupos dos guerrilleiros, mais xa nese 1948 se decataran que nada ía mudar e o réxime franquista comezou a operación de exterminio total dos maquis que restaban polo monte. Foi xusto en 1948 cando o Partido Comunista de Galicia quixo ordenar e militarizar os homes que andaban no monte da man de Xosé Gómez Gayoso e Antonio Seoane. E foi tamén ese mesmo ano cando foron capturados e asasinados os seus líderes. Quen non estivese dacordo coa nova política, estaría condenado a morte. Neste labirinto viuse atrapado o Foucellas, perseguido polos fascistas e tamén polos seus propios aliados. O Piloto tamén foi condenado a morte, mais non se dispuxo executar a sentenza. En 1949 foi desartellado o Destacamento Santiago Carrillo da II Agrupación Guerrilleira de Galiza (a de Ourense) na espectacular batalla de Chavaga (Monforte de Lemos), producíndose a morte de todos os seus membros agás dous: Saúl Mayo e o asturiano Segura. Foi daquela cando chegou o sucesor, apurado polos feitos, de Gayoso e Seoane: o Coronel Benito. O Coronel Benito, mugardés instruído na URSS, púxose en contacto co Piloto para reorganizar os homes que aínda vivían e uniformalos (algo que rexeitaba o Piloto rotundamente). Formouse deste xeito o grupo formado polo Piloto, Coronel Benito, Elías López Armesto e Santiago Paxaro. O grupo non durou demasiado. Un tal Comandante Félix, experto cazador de maquis, fíxose pasar por un comunista fuxido e infiltrouse no grupo. Logo duns meses de recadación de información e ligazóns dos fuxidos, matounos a todos en Remesar (Bóveda). Todos... agás o Piloto, que desconfiaba del grazas ás sospeitas que tiña instintivamente o seu grande amor Mirelle, e que fixeron que non estivese presente o día da matanza. A vinganza do Piloto foi colocar unha bomba na vía férrea entre as estacións de Sarria e Oural, aínda que sen éxito. Isto fixo que o Piloto estivese agora realmente só... aínda que sempre co seu amor Mirelle, que ía ao monte con el. Só ficaba canda el Xosé Arias Fernández Pepiño.

En 1949 chegou á Galiza Xosé Sevil, responsable do Comité Rexional do Partido Comunista. Con el tamén chegou Melchor Díaz Pepito. Chegados de Francia, localizaron o Piloto e comentáronlle a necesidade de suspender os golpes con fins económicos e os asasinatos ou axustizamentos. Para iso traían cartos. Querían enfocar o traballo "de partido" nas zonas urbanas, especialmente en Ferrol (Astano e Bazán). Na teoría, o Piloto aceptou as novas directrices (a pesar de deixar de lado, en principio, a súa zona de acción), mais na práctica continuou coa loita armada ata 1951. Foi en 1951 cando a directiva comunista decidiu fuxir a Francia ante a imposibilidade de continuar coa loita contra Franco logo da cadea de caídas na Coruña. Só restaban unha ducia de homes loitando e fuxindo no monte dos preto de cincocentos que había nos seus inicios por toda Galiza. Nese ano, o Piloto deu un gran golpe parando no camiño a Xosé Cabo Castro e facéndolle traer de Monforte 100 000 pesetas. Con ese diñeiro, desapareceu do mapa de accións. Pasou á vida en clandestinidade coa súa dona Mirelle, en refuxios seguros con xente de confianza. Só continuaba a súa actividade intelectual e política, mais a niveis moi persoais e locais.

En 1965, retirado xa da loita armada en teoría, chegou a súa morte. Un ex-garda civil natural da Bugalla (Rebordaos - O Saviñao) viuno e recoñeceuno. Foino seguindo até saber onde moraba e foi avisar á Garda Civil de Chantada. O Piloto está no Salto de Belesar e é asasinado vilmente polos membros da Garda Civil (u-la xustiza? viven estes gardas civís? que fan ceibos? por que non se fai un xuízo por asasinato se é así?) no rego do Facheiro, que separa Pesqueiras de San Fiz de Asma. Con el levaba un carné onde puña que era xeneral xefe do E.M. asinado polo propio Líster (verdadeiro ou falso?). Seguía politicamente en activo? Non o sabemos.

Morre así o derradeiro maquis asasinado. Un home que foi empurrado á fuxida, ao monte, á supervivencia e á subsistencia. E que o obrigou a roubar. Certo é tamén que acometeu crimes terribles, aínda estando nun contexto ideolóxico complexo. Os máis coñecidos foi o da vinganza do seu amigo Emilio Golás (grande traballador e dirixente político lugués), o do asasinato do crego de Martín e o dun rapaz de Ribela (A Broza - O Saviñao). Emilio Golás ía á súa casa de Barán (Paradela) ocasionalmente, e foi dunha destas veces cando un veciño seu o foi denunciar á Garda Civil. A Garda Civil ferírono e levárono a Lugo para o matar. A vinganza do Piloto foi queimar a casa do confesor... con el dentro e a súa muller. Con respecto á do cura de Martín, tronzoulle os brazos a paus e logo amarrouno a unha árbore e prendeulle lume, aínda que semella que el foi alí cando xa a cousa tiña comezado, pois foron os da guerrilla de León (Guillermo Morán e Rocesvinto) quen a emprenderon. A máis inxustificada de todas, dentro da gravidade, foi a dun rapaz de Ribela, o cal asasinou por non querer apañar herba seca para lle prender lume a unha casa dun traidor fascista do Saviñao.

Como podemos ver, un home con dúas caras. Por unha beira, o amor profundo cara Mirelle, o sentimento de compañeirismo cos amigos e aliados e o compromiso de loita contra o fascismo e o franquismo. E por outra beira, o terrible que era cos seus inimigos e o violento que podía chegar a ser en determinadas ocasións. Nunca quixo marchar de Galiza. É de todos xeitos, unha vítima dunha persecución sen pausa e cun único fin para el: a morte. Sabedoiro disto, actuou en consecuencia. Unha persecución que levou a moitos homes á miseria máis absoluta que un poida imaxinar. Como se poden xulgar polos seus feitos baixo esas circunstancias?

E esta évos a historia do Piloto do Corgo. Unha aperta e un bico a todos!

1 comentário:

miquelet disse...

Interessantíssima història la del "Piloto". Potser no podem jutjar amb els nostres ulls de 2008 fets que van passar fa 60 anys. El piloto convivia amb la mort, el dolor i la angoixa. Encara així, l'assassinat del noi va ser massa brutal.

Salut.