segunda-feira, 20 de outubro de 2008

A supresión provincial en Galiza

Eu cando falo de onde son sempre evito dicir que son da provincia da Coruña. Non é que renegue da fermosísima cidade de Breogán, nin que lle teña xenreira polo meu escuro pasado nesa cidade. É simplemente porque eu non creo no sistema provincial. Vaia... que non me veñan co conto de que Galiza ten catro provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra porque para min iso é unha trapallada. E vou tentar explicar por que penso iso.

O sistema provincial actual aplicado no Estado Español é unha copia literal do francés da moda da época e foi aplicado con toda a súa eficacia en 1833 por Javier de Burgos, secretario de Estado de Fomento na época da rexencia de María Cristina de Borbón. Nese ano, este home decidiu partir en varias anacos de terreo o territorio español, denominando a estes anacos provincias. O resultado das provincias é obviamente pésima. Estaría facendo peras con Horacio en vez de ollar un pouco as características de cada zona. Para comezar, non se tivo en conta as circunstancias culturais ou lingüísticas, creando auténticos esperpentos territoriais sen xeito ningún. Por suposto, os movementos económicos de determinadas zonas foron tronzados polo sistema de provincias (por exemplo, o clarísimo enfoque comercial do Bierzo cara Galiza, practicamente nulo cara Castela). É obvio nunha primeira ollada que algo non casa. Que carallo fan o condado de Trebiño en Burgos ou Ademuz en València? É sinxelo ver diversos territorios escangallados en pequenas illas adscritas a provincias coas que non hai contacto.

Alguén podería dicir "Non había coñecemento abondo sobre o territorio para o poder fragmentar con obxectividade". Dacordo, poida que non, aínda que, sinceramente, eu creo que si o había. Mais todos sabemos que as particións foron feitas co agrado e co prace dos grandes señores territoriais: condes, duques e demais parasitos. Que había intereses polo medio é obvio. O que xa non resulta lóxico é que tras a morte de Franco non se aproveitasen eses momentos de caos político e social para refundar todo e unir territorios coa mesma cultura, lingua e economía. Funcionou un modelo simplista e continuísta que segue a provocar grandes fracturas económicas e sociais en diversas bisbarras. Falar hoxe disto é buscar problemas, díxome algún político galego. Pois os problemas hai que os resolver!

Falando do territorio galego, a evidencia da inutilidade provincial acada o seu máximo valor debido á súa especial distribución xeográfica e poboacional con respecto ao resto do Estado. En Galiza hai unhas 33 000 aldeas diferentes, organizadas en parroquias. Tal minifundismo poboacional non é comparable ao resto do Estado, con moitísimas menos unidades de poboación. Establecer unha división provincial rompe co modelo natural galego, que é o das comarcas ou bisbarras. Cada bisbarra contén unha serie de parroquias que tradicionalmente manteñen características xeográficas, económicas e históricas comúns. Un exemplo: Beariz. Beariz atópase na provincia de Ourense e dentro da comarca do Carballiño. Quen coñeza ben este concello decatarase de que non ten que ver nada cos concellos veciños da comarca. É un concello clarisimamente doutra comarca natural chamada Terra de Montes. Cal foi a razón de que non se incluíse na súa comarca natural? Moi simple: Beariz está na provincia de Ourense e Terra de Montes atópase na de Pontevedra. Como iso é así, dixeron: imposible metelos no mesmo saco. Canto gañarían estes veciños se estivesen na súa bisbarra e non noutra allea! Outras desfeitas moi famosas son as chafulladas realizadas na raia con Asturias, León e Zamora. A comarca das Portelas, de fala e cultura galegas metérona na da Seabra zamorana. Un que conduza de Ourense cara Zamora decátase que o gran cambio da paisaxe e da xeografía é no porto de Padornelo (Lubián). De Padornelo á esquerda, verde e de montaña. De Padornelo á dereita, amarelo e chaira. Non sería lóxico pór a raia en Padornelo, onde ademais está a fronteira lingüística do galego (mira ti que casualidade, meu!)? Pois non! Puxérona na Canda (A Mezquita), onde o cambio é nulo. Mirando ao Bierzo (hoxe León) o caso é sangrante. Aldeas e concellos enteiros de cultura e linguas galegas, paisaxe galega, costumes galegos, xeografía e clima galegos rachados polo medio en favor de León. Dous casos: A Ponte de Domingos Flórez e A Veiga do Valcarce. Até 1833 sempre estiveron en Galiza, mais agora non. En Asturias, máis do mesmo. Mesmo hai aldeas que están partidas polo medio, sendo a metade galegas e a outra asturianas (xantar en Galiza e cagar en Asturias).

Eu aposto polas bisbarras galegas, que serían máis efectivas e lóxicas. Hai que rachar coas provincias! Que ten que ver un de Noia cun de Frades? Que ten que ver un do Saviñao cun de Negueira de Muñiz? Que ten que ver un da Mezquita cun de Entrimo? Que somos galegos, mais descoñecidos entre nós pola distancia e a diferenza xeográfica. Non sería máis lóxico unha comarca da Fonsagrada ou da Limia Alta ou de Monforte? Veciños, coñecidos e eficaces na administración. As provincias discriminan, pois determinados concellos absorberían todos os cartos de inversión mentres os máis pequenos serían deixados de lado. Nas bisbarras a cousa está máis repartida. Outra cuestión é que comarcas e que territorios entran en cada unha delas. Porque amigos, hai unhas comarcas feitas oficiais, pero dan noxo. Remítovos ao caso comentado de Beariz. Como el, hai ducias. Hai que revisalas, modificalas e, se fai falla, meter concellos doutras provincias. Este é o auténtico traballo duro: a creación das comarcas reais. Vai haber problemas mesmo a nivel de concellos (concellos con parroquias que sexan de diferentes comarcas). O ideal sería partir do nivel parroquial, pero sexamos realistas, é pouco probable que se esmigallen os concellos. Porque os concellos tamén son artificiais. En Galiza a única unidade administrativa real é a parroquia, inmutables moitas dende tempos dos protoceltas e case todas dende o tempo dos suevos (que basearon a súa división en feitos e características anteriores). Un exemplo é o meu concello: Brión. Brión ten nove parroquias e en realidade pertence a tres comarcas, aínda que oficialmente é da de Compostela. Viceso, Luaña e Ons son da comarca de Negreira (de feito estivo anos metida nesta comarca); Cornanda baila entre Negreira e Noia; e as outras (Bastavales, Brión, Boullón, etc.) son de Compostela. A causa é a xeografía. A serra de Rañalonga (Rañalonca) parte o concello en dous: unha parte alta montañosa e outra baixa que é un val. A alta tira cara Negreira e a baixa cara Compostela. O ideal sería dividir o concello e que cadansúas parroquias se integrasen na súa bisbarra natural. Mais iso sería complexo in extremis. Hai ducias de parroquias que dubidarían en que comarca entraren.

Así que o dito. Hai traballo, meus señores. Primeiro, esfarelar as provincias: son un atraso en Galiza. Segundo, estudar ben os concellos e crear bisbarras eficaces e reais. En terceiro lugar habería que rebentar os concellos e redefinilos con criterios obxectivos, pero iso suporía un caos enorme. Non cómpre facelo xa. A xente afíxose moito a esa administración local e está contenta co resultado. Pois logo veña!

Un bico a todos e todas!

11 comentários:

TitularesPPdeG disse...

¿Y de verdad te crees que por no decir "Provincia de La Coruña" va a desaparecer la provincia de La Coruña? ¿Y que por decir Estado Español va a dejar de existir España? ¿Al Estado del sur le llamas "Estado Portugués"?
En fin... Quedaos vosotros con esas tonterías, así no metéis mano en las cosas importantes.

Moncho Pais disse...
Este comentário foi removido pelo autor.
Moncho Pais disse...

Gran reflexión, si señor. Non agardaba menos dun avogado madrileño.

FraVernero disse...

Certo é. É ben sabido que a división provincial, inspirada na lóxica prefectural da Franza, non tivo o máis mínimo senso e lóxica. O tempo todo o acaba consolidando, de todas maneiras, e certo vicio minifundista do noso ser leva a aceitar rivalidades tensas entre Coruña e Vigo, por exemplo (e entre tódalas demais cidades; unhas rivalidades que de todas maneiras, non son moi reflexo das provinciais).

A supresión das provincias é necesaria, xa que a súa existencia no actual estado das autonomías como un residuo formal do centralismo ibero perdeu razón de ser. A autonomía é a célula do actual estado (en menor escala, os concellos). A provincia ficou como organismo intermediario baleiro, que apenas recebe unha deputación para levar adiante corruptelas e favoritismos variados.

Por suposto, a loita contra o Centro promete ser dura -sempre o é- máis niso estamos. As comarcas, célula clásica, tamén necesitaría certo repaso. Os concellos en Galiza son demasiado pequenos, o que os converte en impracticábeis. As comarcas históricas foron tamén perdendo algo de contido en vista da mobilidade poboacional/laboral da grande maioría dos galegos (sobretodo na zona Atlántica), anque poderían refundarse coma macroconcellos.

Moncho Pais disse...

Grazas polo apuntamento, FraVernero. Moi certo todo.

Un apreixo.

Raposo disse...

Este tipo de divisións tenden a ser moitas veces artificiais, por escuros motivos económicos e alonxadas da realidade natural. Mira o que pasou en Africa.
Pero agora arranxalo e moi complicado, máxime se temos en conta que os políticos non están pola labor (falo da maioría).
Apertas.

Suso Lista disse...

Tamén a min me parece moi acertado. Aquí, desde sempre a organización natural foi por bisbarras.

miquelet disse...

Segons diuen, moltes de les divisions provincials es van fer amb el criteri de establir l'àrea a la qual era capaç d'arribar un carro tirat per un ase en una jornada des de la capital. Per això moltes de les províncies més grans són les més accessibles. O siga que poc van tindre en compte les relacions socials i econòmiques en aquestes divisions, com molt bé dius.
I un aclariment: El Racó d'Ademús històricament sempre ha pertangut al País Valencià, encara que és de parla castellana. Un altre cas ben diferent és el de municipis com Requena i Utiel, històricament castellans, però que per a donar eixida més fàcilment al vi pel port de València, van demanar ser inclosos en aquesta província.

Salut.

Moncho Pais disse...

MIQUELET

Xa me gustaría a min coñecer o burro que foi dende a serra do Suído até á do Eixo. É un superburro! Hahaha

Grazas polo apuntamento sobre Ademuz. Efectivamente, Requena e Utiel son historicamente castelás (mesmo Javier de Burgos as meteu en Cuenca, pasando a València en 1851 e 1853 respectivamente). De todos xeitos, non se explica por que, por che pór un exemplo de concello non catalán-falante historicamente valenciano, Santa Cruz de Moya non está en València, co cal ese Ademuz estaría xa vencellado territorialmente a València sen se illar.

Un apreixo!

fgul disse...

Moi boas Moncho:

Considero que a organización territorial de Galiza en parroquias, tal e como dicía Castelao é a máis correcta, desde un punto de vista histórico-poboacional.

Un saúdo.

Rubén disse...

Opa.

Me tira do teto Madrí.
Na miña comarca (Ferrolterra), no 42 creo recordar, arrexuntaronse(pola forza), Ferrol(Urbano-Industrial-Militar), a mais Serantes/Sarantes/Serantellos(concello de seu ate a fecha)(Rural-Labrego-Mariñeiro).Ferrol que somentes era o que limitaban as suas murallas,(moi pequeno), pasou a dominar administrativamente tamen o concello de Serantes, onde na sua superficie caben moitos ferroles. Nada ten que ver a fala galega de serantes, cocastelan de Ferrol, nin a relixiosidade tradicional da vila de Covas, ou S.Roman de Doniños, con calqueira outra d Ferrol, nin as crenzas,e moitisimo menos a econimia e modo de vida.Dixom'un vello de Valón(Serantes), quen iba protestar naqueles tempos? desarmaronnos a todos e fusilabanos no muro da igrexa!. e d'alí, ó conformismo d'hoxe, sobre todo en Ferrol.En realidade moita xente,é posible que a maioria, desexe unha reconquista de seu concello en Serantes( é o que se murmura polo rural), máis que nada polo sobrado abandono que recibe o rural de Ferrol( que i-e todo de Serantes)por parte das administracions de Ferrol-City, disque co concello de Serantes todo era moito millor, e vendo Ferrol...entendese todo.