quarta-feira, 17 de dezembro de 2008

Ao que todos nos temos afrontado


O luns pasado tiven día de vacacións e deume por camiñar polas rúas de Meiril. Na famosa rúa Xénova (Zena en lígur), xusto a carón da sede principal do Partido Popular atopei unha librería internacional onde puiden atopar algúns libros en portugués e en galego. Foi un pracer ter entrado nela, pois atopei dous libros que me semellaron interesantes e merqueinos. Para máis prace, a rapaza que me atendeu era de Compostela. Cousas da vida! Un dos libros que merquei é de Miguel Real, titulado apocalipticamente A morte de Portugal, onde vai debullando o home portugués, o xeito de pensar dos portugueses e os catro complexos aos que se enfrontan. Non vou entrar en detalles. Só quero reproducir aquí un anaco do texto (déame o seu permiso señor Real se me está a ler) que me pareceu moi interesante e acertado. É o que segue:


A relação intemporal entre o intelectual português e as instituições socialmente dominantes podem resumir-se em três momentos paradigmáticos:
1) Uma fase de aproximação, de empenhamento e de voluntária adequação ou de tentativa de transformação do destino geral de Portugal.
2) Por motivos circunstanciais, que muito deferem de autor para autor, vinculando-o ao seu tempo, o intelectual português sofre, em certo momento, um profundo desencantamento com o estado conjuntural do país, cuja consciencialização o força ou a desistir de transformar Portugal, interiorizando-se ou exilando-se no estrangeiro, abandonando o seu antigo empenhamento, concentrando-se na sua obra estética ou filosófica individual; ou a reiterar o seu compromisso de transformar Portugal, criando uma obra alternativa à visão social e política dominante.
3) No final da vida ou após a morte, a obra do intelectual português é recuperada pelas instituições dominantes do Estado, da Universidade ou da Igreja, que a estatui como um dos mais salientes vectores da cultura portuguesa, passando então a ser tão santificada pelas novas gerações escolares quanto antes fora abominada e desprezada pelas anteriores.


Pon como exemplo a varias escritores portugueses que pasaron por estas fases. Por exemplo, Sá de Miranda, logo de viaxar polo norte de Italia, comprobou como en Portugal había maneiras civilizacionais de baixo nível e un alto nivel de interese financeiro e patrimonial por parte dos fidalgos cortesáns. Comprobou a profundísima ignorancia histórica e cultural da elite política portuguesa. Iso levouno a se afastar voluntariamente da Corte e das clases dominantes para se illar na súa frustración en Cabeceiras de Basto, onde apenas saía da súa casa e se centraba na súa obra literaria, lonxe dese ambiente. Como Sá de Miranda, refuxiáronse no interior de si mesmos outros grandes escritores como Manuel Laranjeira, Teixeira de Pascoais, Fernando Pessoa ou Miguel Torga. Moitos suicidáronse antes a impotencia do inexistente cambio. Outros como Camões, Garcia da Horta, Damião de Góis ou Rodrigues Lapa optaron por emigrar, sufrindo a dupla dor de ver torta a súa patria e a saudade por ela á vez. E a terceira opción, a de loitar contra o sistema político vixente, seguiuna António Ribeiro Sanches, Luís da Cunha, Teodoro de Almeida ou Luís António Verney.

Nunca vos pasou a vós iso? Miguel Real fala de intelectuais portugueses. Eu non me considero un intelectual nin moito menos. Estou ben lonxe diso para a miña desgraza, mais si me decato que teño un nivel cultural máis alto do habitual e, dígoo claro, teño un espírito de reflexión e contemplación moito máis avanzado do que a media da xente do País. Tampouco son portugués. Son galego. Mais estes tres pasos estounos a vivir. O que nos conta Miguel Real é extrapolable á Galiza. Imos analizalo:

Lembro perfectamente como intentei unha aproximación ao sistema vixente. Por ignorancia, un aproxímase a el, con certas esperanzas vendidas pola modernidade de hoxe. O que un observa é un sistema enferruxado e roncante. Algo non funciona. Algo cheira. Fede. O segundo paso que nos conta é o desencanto. Ao comprobar que, a pesar dos días de hoxe, que deberiamos estar nun nivel avanzado socialmente e o pobo debería ser adulto, maduro e responsable do seu pensar; a sociedade apoia as estruturas políticas actuais sen chistar, véndoas como algo normal, cando para min, é obvio que non funcionan ben, que hai toda unha estrutura parasitaria apegañada aos cartos do cidadán (ou súbdito, estamos nunha monarquía...). O terceiro paso non o vivín afortunadamente. A reacción do intelectual que nos conta é ou emigrar ou se afastar das estruturas políticas montadas ou pelexar contra elas para as mudar. No momento en que me atopo eu non sei cal delas estou a coller. Vivo en Meiril. Algo de emigrar hai en min. Sen dúbida a situación laboral lamentable que se pode atopar na Galiza é debida a esas estruturas obsoletas, que malgastaron e, literalmente, guindaron os cartos en pulpadas. A iso xuntouse a frustración persoal que sentín ao ver que nada cambiaba, mesmo cos nacionalistas no goberno. É lóxico? Diranme que non houbo tempo aínda. Pode ser. Seguramente. Mais este é o meu tempo. Ese foi un dos motivos, aínda que non o principal polo que marchei. Fóronvos outras lerias. Logo está o de se afastar. É certo que, nunha primeira reacción ante a podremia institucional, a miña reacción foi afastarse. Afasteime porque me doía ver como as cousas eran inamovíbeis e os meus intentos por axilos (permítanme o lusismo) eran en van. E despois está o de loitar, pelexar. Agora mesmo é a miña reacción. A loita, aínda que de baixo nivel. A loita contra as inxustizas que observo co meu pobo, tanto por parte da clase política coma da empresarial. E loito con verbas, con maneiras, con discursos amables e lóxicos. Loito tamén con euros, aportando o que podo. Unha loita tamén individual, con ecos de esperanza agardada.

En conclusión. Todos temos pasado polo primeiro momento que nos comenta Miguel Real. Estamos todos no segundo. Algúns toman o seu vieiro particular dentro das tres posibilidades. Outros coma min, fan un remexido das tres saídas e varían bruscamente de unha para a outra sen cesar. O terceiro paso, para os que cheguedes, non o veredes con vida.

4 comentários:

amauta disse...

penso queeu tamén fago o mesmo remexido entre as tres posibilidades das que fala.
Saudos!

Rubén disse...

opa meu! O Caudillo de Trasancos te sauda.

Noso pior inimigo debe de ser a impotencia(entendese,que somos galegos).Sei que é unha pregunta con resposta infinita,pero...facemos ben en nos ir da terra traballar fora na actualidade? sabmos o que é a necesidá, esta claro, a familia ten que comer, que sucedería se polos nosos santos collons non saira nin dios d'a quí? e se saimos traballar fora...,iso é tira-la toalla? preghunto.

Unha forte aperta irmán, que soen as ferreñas.

Moncho Pais disse...

CASTREXO

Concordo contigo no da impotencia. Ás veces ese sentimento bloquéanos como pobo. Con respecto ao pan, hoxe por hoxe está garantido traballando no País, coido eu. Non se pasan as penurias de hai corenta ou cincuenta anos para atrás, mais entran en xogo outras necesidades que antes non existían: formación persoal, comodidades, posibilidade de medrar socialmente, etc. Que pasaría se ninguén se fose? Que habería que medrar a collóns. É tirar a toalla ir fóra? Nalgúns casos si. Noutros coido que non. Intentar mellorar persoalmente non é tirar a toalla, aínda que si o é a nivel de membro dun pobo.

É un bo debate. Acéptanse propostas e comentarios.

Un saúdo!

Unknown disse...

Eu penso que ninguén pode tentar mudar a situación intelectual ou achegar cousas para que a xente entenda quén é.
Hoxe o máis doado é ser parte da grea de ouvellas feitas para doar a lá, ou para comer o que queren que comamos.
Lamentábel, pero é así. O que podemos facer é acender as pequenas candeas para alumear con pequeniñas luzadas anacos miudiños da grande escuridade. E que a luminosidade medre canto poda.
Non esquezamos que dende lonxe pódese facer moito, anque non sexa recoñecido.
Ahí está o caso de Castelao ou outra xente que ficou recoñecida pola meirande parte do pobo logo de morta. No entanto, nas súas vidas eles foron felices facendo o que fixeron, e seguro que houbo algunha persoa que escoitou e entendeu o que querían transmitir. Poucos, moi poucos que souberon logo ser intercomunicadores cara a outros.
Hai moita xente que non pensa en nada máis, que ten demasiado e non ten concencia de seu...
Quen esquece as súas raices perde a identidade (di o Bieito inspirado nas verbas pondalianas), e é así: a xente que non sabe quen é, de onde ven e por que forma parte dun povo; sinxelamente non existe individualmente. É un clon do monte de persoas guiada por vontades alleas.
A pesares do "desencantamento", penso que a persoa única, diferente, silandeira de seu; ten máis encanto e é máis felíz ao longo do tempo.


BO ANINOVO