quarta-feira, 10 de dezembro de 2008

Coraçom ausente

Dor que desfixo o meu corazón, só un burato fica no seu lugar. Un burato senlleiro, triste e falto de aloumiños. Dor de compañeiros que se perderon no camiño. Dor de amigos que atrás ficaron na escuridade dos anos. Dor de amores que nunca foron e quecen decotío. Lume bravo e vivo minguado pola cadea do tempo que esgana e afoga folgos e forzas. Empurrado á emigración pola falta de amor propio do seu pobo. Desprezado e ignorado por falar a súa lingua na súa terra. Escuridade no camiño. U-lo facho?

Unha ducia de persoas que gravaron petroglifos no meu peito. Debuxos dunha beleza incríbel e durabilidade milenaria na alma. A vosa ausencia afúndeme na máis abisal das fosas marítimas. Terrible presión no peito e na alma... espesura na mente. Saudade do que foi e do que ten que ser.

terça-feira, 9 de dezembro de 2008

Morte ao Borbón

Onte armouse unha liorta de grandes dimensións por mor dunha frase desafortunada do voceiro de Esquerra Republicana de Catalunya Joan Tardà. Nun acto das xuventudes de ERC (JERC) o Día da Constitución Española, rematou o seu discurso berrando "Viva a República! Morte ao Borbón!". É de imaxinar os ríos de comentarios e opinións dos medios de comunicación e políticos sobre a xa famosa fraseciña.

Que podo opinar eu do tema? Pois que a frase está desenfocada. Imos analizalo. Por una lado temos a Joan Tardà, membro dun partido independentista catalán e ademais republicano. Que agardaban? Que lla lambese a El-Rei? É republicano, carallo! E con respecto ao de "morte ao Borbón", simplemente é un xeito de dicir "abaixo a monarquía". Con isto quero dicir que esa frase non se dixo con afán de lle desexar a morte a El-Rei Juan Carlos I de Borbón y Borbón, algo que, sinceramente, non querería nunca o señor Tardà. Nin do rei nin de ninguén. Cando se di Borbón, dise monarquía. Non se ataca á persoa en si, senón ao concepto mesmo de monarquía, un concepto totalmente desfasado, anacrónico e, actualmente, absurdo, caro e inútil. Unha monarquía, por certo, imposta polo ditador Francisco Franco, pois foi abolida democraticamente en eleccións nos anos 1930. Nunca xamais se voltou facer un referéndum sobre se queremos ou non monarquía, se queremos ser súbditos ou cidadáns. É realmente necesaria unha persoa que ten uns gastos astronómicos na economía española e cuxa única función real é a de viaxar en representación do seu país polo mundo? Como fan as repúblicas doutros países entón? Non van representantes dos seus estados?

Agardo que esta polémica frase non lle produza moitos problemas a Tardà. Hai que entender o contexto e o significado real da frase. Non dramaticen algúns sectores... temos Borbón para longo... por desgraza.

Abaixo a dentadura!

quinta-feira, 4 de dezembro de 2008

Ourellas peludas

Déixovos algúns discos que sempre adorei. A ver se vos gustan. Eu escóitoos decote e arreo! Podería pór centos deles (non esaxero, escoitei centos e centos de discos galegos), mais hoxe decidín colocarvos estes poucos. Hai moitísimos máis que escoitaría unha e outra vez sen me cansar endexamais, pero hoxe tocoulle a estes. Outro día serán outros. Todos teñen unha historia e un intre asociado na miña vida. Gozade deles!

Con premerdes enriba deles podedes baixalos. Un bico!


E como extra imprescindible dende Portugal...

quarta-feira, 3 de dezembro de 2008

O pobo xavante


Esta fin de semana caeu nas miñas mans un raro dicionario xavante-portugués e portugués-xavante, editado en 1987 e revisado e actualizado en 2004. Edítao a Sociedade Internacional de Lingüística e saíu de Cuiabá, capital do Mato Grosso.

A lingua xavante posúe 13 vogais e 13 consoantes. Tentando pronunciar as vogais a través da explicación do dicionario crin voltarme tolo (lembrei o õ estoniano e o que lle custou ao Tespis pronuncialo!). As consoantes son máis doadas, aínda que a maioría non son exactamente como as coñecemos e temos que mudar un chisco o xeito de abrir ou pechar os beizos. Téñenche gheada, coma o galego. O xavante ten catro tipos de verbas: os verbos, os substantivos, os modificadores e as palabras de función preposicional.

Os verbos semellan difíciles de aprender. Mudan segundo a situación en que son empregados. Se o suxeito é singular é dun xeito. Se é plural de dous membros, doutro. Se é plural de tres ou máis, doutro. Os verbos rexístranse na terceira persoa do singular, pois non existe o infinitivo. Ademais, moitos verbos non se entenden (non teñen sentido) no presente, tendo que se escribiren no dicionario como expresións verbais que indican unha acción rematada. Os substantivos divídense principalmente en posuíbles ou non posuíbles. Segundo quen o posúa, hai que empregar un ou outro prefixo. Se o posúe unha persoa (a cabeza de alguén, por exemplo), emprégase da-, mentres que se o posúe algo (unha asa dunha xerra, por exemplo), empregarase ĩ-. Os substantivos non posuíbles (a maioría nomes de persoa ou topónimos) non precisan prefixo ningún.

O pobo xavante foi masacrado e perseguido "até" a década dos 1930, fuxindo e recluíndose no leste do Mato Grosso e no noroeste de Goiás. Nun primeiro momento quíxose convertilos e pacificalos, mais sempre remataban por voltar á selva e se ocultaren. Actualmente hai arredor duns 7000 membros deste pobo. Como moitos pobos indíxenas brasileiros, as súas principais actividades eran a caza, a pesca e a recolleita de froitos. Hoxe en día viven asediados pola gandaría irrespectuosa e o cultivo da soia, que están a ocupar, como sabedes, enormes extensións de terreo na Amazônia que antes eran selva. O lado positivo é que se están a dar pasos para a protección da súa cultura por parte dos seus membros, comezando algúns deles mesmo a aprender a escribir a súa lingua para preservar a súa cultura no futuro de modernización (verba ultraxada, maltratada, violada e enxoita de vida) que lles agarda.

Unha das cousas que máis me sorprendeu deste pobo é o ritual de paso de nenez a ser adulto. Entre os 10 e os 18 anos, todo membro masculino da tribo ten que pasar cinco anos recluído nunha casa chamada Hö, onde só poder ter contacto cos seus padriños e só pode saír a cazar, pescar ou determinados rituais. Imaxinades cinco anos metido nunha casa xavante sen poder saír nin falar con ninguén? Tras pasar eses cinco anos, a tribo fai unha festa chamada dañono, onde lle furan a orella cun óso de onza parda, a partir do cal xa o consideran adulto e lle dan unha muller escollida previamente. Os casamentos só son permitidos entre membros de clans diferentes, que son tres: âwawẽ, po'reza'õno e topdató (este derradeiro case sempre vencellado aos âwawẽ). Que máis queredes, ho!? Cinco anos rañando no carallo e aínda por riba lévanvos a muller xa para o leito.

Un pobo interesante o xavante. Unha aperta a todos e todas!

Deséxovos a todos to ti :-)

quinta-feira, 27 de novembro de 2008

Vagalumes na noite da escrita


Estes días saíu do prelo un interesante volume primeiro sobre os escritos en galego antes do Rexurdimento. Leva por título Papés d'Emprenta Condenada, en honra ao texto publicado na Estafeta de Santiago por Manuel Freire Castrillón en 1813. Inclúe todos dos que se teñen constancia de 1797 até 1846. O primeiro texto, de 1797 e publicado no Diario de Madrid, é de Manuel Pardo de Andrade (baixo o alcume de León de Parma) e ten por título Mais garrida que a rosa no seu leyto. O libro vai percorrendo biografías dos diferentes autores e os textos que escribiron.

Para quen queira percurar luces nos Séculos Escuros, como é o meu caso, será de grande interese este traballo publicado polo Consello da Cultura Galega. Podedes baixalo en PDF premendo na face de Añón.

Desfroitai-o! (permítanme o hiperenxebrismo nostálxico) :-)

quarta-feira, 19 de novembro de 2008

Até ao Mondego


Das terras de Rosalia às terras de Miguel Torga,
percorre o ar a cantiga que todo o povo recorda,
das beiras de Trás-os-Montes, dos rios Mondego ao Minho,
o perfume da Galiza, de giesta e flor de pinho.

Mil anos do mesmo sangue num passado sem fronteiras,
o fumo das chaminés na memória das aldeias,
gaita de foles galega, adufeiras da Idanha,
cantamos em mirandês? língua que não nos é estranha.

Sou galego, ai, sou galego,
sou galego até ao Mondego,
moiro escuro te arrenego
da Galiza até ao Mondego.

Vindimamos o suor por tradição e castigo,
são irmãs no seu destino rias de Aveiro e de Vigo,
e há tanto calor humano ao redor duma fogueira
à lareira vinho tinto, requeijão e broa caseira.

E a guitarra de Coimbra, gaita de foles galega,
são os sons da nossa alma, aos quais o Norte se apega,
caminhos de Santiago, trilhos, veredas, clareiras,
cantamos ao desafio ao fim da tarde nas eiras.

Sou galego, ai, sou galego,
sou galego até ao Mondego,
moiro escuro te arrenego,
da Galiza até ao Mondego.


sábado, 15 de novembro de 2008

Deitado frente ao mar

Língoa proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque si, porque me gosta,
porque me peta e quero e dáme a gaña;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque si, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra língoa.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os baleiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias decotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.

Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada frente ao mar, ise camiño...


terça-feira, 11 de novembro de 2008

Idioma meu

Idioma meu, humilde, nidio, popular,
labrego, suburbial e mariñeiro,
que fas avergoñar
ao burgués, ao señorito e ao tendeiro:
levas sangue do pobo
e raigañas escuras
que anuncian un día novo
sen mágoas nin tristuras.

Idioma proscrito,
asoballado,
soterrado,
refugado,
negado
como a pobreza e o delito,
fala do emigrante e do maldito:
soio resoas nos lares
das xentes populares.

Ti tes que rexurdir puro,
poderoso, enteiro
pra erguer noso futuro
de pobo absoluto e verdadeiro!

quinta-feira, 6 de novembro de 2008

Ah! A música...

Ai, meus compañeiros! Que seriamos nós sen a música? Unha caste de bestas incivilizadas e incultas, comedoiro e maseira da paupérrima variedade cromática da crúa gris realidade.

Hoxe un traballo imprescindible dun grupo imprescindible. Galego. Para os nostálxicos do Avante e o movemento de liberación nacional-estudantil universitario compostelán, un clásico. E con razón. Quen non asubiou ou cantou algunha das súas composicións? Nunca vos sentistes plenamente identificados? Nunca vos entrou ben dentro, de punteirolo dereito ao corazón rachando mareas vermellas de sangue?

Xenreira (un saúdo se algunha vez me les, Veriño!) xurdiu a mediados dos anos 1990 na Estrada (terra brava!). No seu único disco, Érguete!!, de 1997, remexen ska, rock e reggae acadando unha excelencia insólita na música galega. Autoclasificados como rock irmandiño, hai quen o mete no mesmo caldeiro có bravú, aínda que son algo posteriores. Temas históricos cheos de forza coma Onde a loita se chama As Encrobas, que lembra as mobilizacións populares dos anos 1970 contra a pretensión de destruír e contaminar a paisaxe galega. Mil nove 36, onde se lembran os feitos da Guerra Civil Española, acompañada pola xenial voz de Mini da Quenlla e Fuxan Os Ventos. Acción galega, arquicoñecido e pletórico poema de D. Ramón Cabanillas (Don Ramón de Cambados). Recluso 241, forte crítica ao trato dado cara os presos galegos. Érguete, Radio Skarnio, Alalás, Ozono, A reixa, Viva a nosa unión, O pobo é quen máis ordena e Mesmo berce, mesma loita. Todos os temas son imprescindibles.

En Érguete!! participaron coas súas voces o magnífico Mini, Uxía Pedreira e Chito de Chouteira.

Alén o seu disco Érguete!!, gravaron o tema Selección ska con Nacho do Compostela para o disco Selección xa!, onde reclamaban o dereito a unha selección galega de fútbol (hoxe acadada); e o tema Presente! para o disco primeiro de Unión Bravú, onde se dan a coñecer varios grupos deste movemento musical xenuinamente pangalaico. Sei ademais que gravaron unha primeira maqueta antes do disco oficial e ademais unha segunda maqueta posterior ao seu traballo inédita. Sabe alguén delas? É posible conseguir este tesouro? Darei todo o que estea na miña man e alma por poder ter ese inmenso pracer de a escoitar.

Xenreira desfarelouse o mesmo ano da súa vitoria: 1997. Cadaquén colleu cadanseu camiño e continuou o seu vieiro, mais deixaron en nós unha pegada imborrable gravada a lume no peito e nas ideas.

Amigos, ofrézovos un agasallo único. O seu disco. Se hai alguén que non os escoitase, por favor, saian das tebras e a escuridade. Vexan a luz do mencer. Picade sobre a portada do disco e poderedes ter esta obra mestra.


UNHA APERTA FORTE E GRAZAS POR TERDES EXISTIDO!


sábado, 1 de novembro de 2008

A toponimia aranesa

Continuando co anhelo comezado nunha entrada anterior (adicada ao dominio lingüístico do mirandés) para que a xente empregue correctamente os topónimos dos lugares aos que fai referencia, hoxe vou pór a relación de topónimos das aldeas e vilas do Val d'Aran. Como sabedes, o Val d'Aran está situado nos Pireneos (Pirenèus en occitano), na actual provincia de Lleida, chantado no extremo norte, o que o fixo caracterizar por ter lingua propia diferente da catalá: o occitano ou aranés. Como lingua propia que ten de seu, os seus topónimos deben ser escritos en occitano.

En primeiro lugar, debo comentar a situación administrativa aranesa. No Val d'Aran existen os concellos (municipios) como en todo o territorio español, mais esa non é a súa administración tradicional. Tradicionalmente o territorio aranés dividiuse en terçons. Os terçons foron unha doazón de Jaume II de Aragón, alcumado o Xusto, na chamada Querimonia, feita en 1313, pola que o Val d'Aran pasou a posuír un Consello Xeral gobernante propio e autónomo. Nin tan sequera os Decretos de Nova Planta de Filipe V, feitos para eliminar os foros catalano-aragoneses e impor o castelán como única lingua de uso para crear un modelo centralista ao xeito francés, conseguiron eliminar os terçons e os dereitos araneses. Foi en 1833, na fatal división provincial de Javier de Burgos, cando se eliminaron os terçons e se conformaron os actuais municipios araneses incrustados na nova provincia de Lleida. En 1990, recuperáronse os terçons como unidade administrativa no Val d'Aran, superpoñéndose á estrutura municipal.

Nun primeiro intre, había tres terçons (de aí o nome): Bossòst, Vielha e Garòs. No século XVI dividíronse e formaron seis terçons: Quate Lòcs, Irissa, Marcatosa, Castièro, Pujòlo e Arties e Garòs.

Alén os terçons están os municipios, que son nove: Arres, Bausen, Es Bòrdes, Bossòst, Canejan, Les, Naut Aran, Vielha e Mijaran e Vilamòs. O terçon de Quate Lòcs inclúe os municipios de Bausen, Les, Canejan e Bossòst. O de Irissa inclúe Arres, Vilamòs e Es Bòrdes. O municipio de Vielha e Mijaran está dividido entre o terçon de Marcatosa e o de Castièro; e o de Naut Aran está dividido entre os de Pujòlo e Arties e Garòs.

Imos coas entidades e a súa escrita correcta logo:

Terçon de Quate Lòcs:
-Bausen
-Pontaut
-Les
-Banhs de Les
-Serís
-Bossòst
-Bòrdes de Sapòda
-Canejan
-Bordius
-Era Cassenhau
-Eth Pònt de Rei
-Eth Pradet
-Porcingles
-Pujòla-Amellet
-Sant Joan de Toran

Terçon de Irissa:
-Arres
-Arres de Jos
-Arres de Sus
-Vilamòs
-Era Bordeta
-Es Bòrdes
-Arró
-Begós
-Benós

Terçon de Marcatosa:
-Aubèrt
-Vilac
-Arròs
-Eth Pont d'Arròs
-Betlan
-Mont
-Montcorbau
-Vila

Terçon de Castièra:
-Vielha
-Gausac
-Casau
-Betren
-Casarilh
-Escunhau
-Mijaran
-Sant Pèr
-Era Tuca

Terçon de Pujòlo:
-Bagergue
-Salardú
-Unha
-Tredòs
-Gessa
-Baqueira
-Pojo
-Montgarri

Terçon de Arties e Garòs:
-Arties
-Garòs

Un bico forte a todos e todas!