quarta-feira, 1 de outubro de 2008

U-lo castelán?

A todos nos fixeron nalgún intre da nosa vida a famosa pregunta "Cantas linguas se falan en España?". E todo o mundo respondiamos coma paxariños que catro: galego, castelán, éuscaro e catalán. Hoxe sabemos logo de non moito investigar que iso é falso. Hai dez linguas autóctonas no territorio do Estado Español. Dez, si. Non catro nin seis nin oito. Dez. A cara que pon a xente cando escoita isto é para a gravar en vídeo. Por poñer un exemplo, unha persoa que vexo practicamente a diario, ficou tan pampo que non me soubo dicir nada até ter pasados dez (si, dez dez) segundos. A resposta xa a sabemos todos tamén: ¡Eres un nacionalista! ¿Cómo va a haber diez? Sí hombre, hay veinte, ¡no te jode! Esto es España y se habla español y ya está. Las otras son dialectos, son un castellano antiguo que se ha quedado ahí sin evolucionar.

-O castelán. Efectivamente, existe, a pesar da insistencia de certos medios de comunicación en que non existe en Galiza, Catalunya ou Euskadi por mor da represión das linguas autóctonas (manda carallo!). En todo o territorio... teoricamente, claro, porque, sen ir máis lonxe, na miña aldea non se rexistra ningún caso de castelán-falante, aínda que a nivel estatístico para a fachada internacional nós sómolo. En Europa non se fala en ningún sitio máis. Fálase tamén na maioría dos países de Sudamérica e Centroamérica. Tamén se fala no sur dos Estados Unidos, en Guinea Ecuatorial e nas Filipinas (seica). Nestes países tamén se contan todos os seus habitantes coma castelán-falantes, cando hai ducias de linguas máis.

-O galego. O galego é falado en Galiza. Tamén se fala no Eo-Navia (a zona máis occidental de Asturias), no Bierzo e parte da Cabreira (León), nas Portelas e Calabor (Zamora) e no Val do Ellas (norte de Cáceres). Fóra do Estado Español non se fala. Iso se supoñemos que o galego é unha lingua de seu e non é un dialecto máis do corpus galego-portugués. Este debate déixoo para outra entrada no caderno.

-O asturiano. Esta lingua é falada en Asturias (agás na zona do Eo-Navia) e en La Liébana (Cantabria). Até hai relativamente pouco tamén se falaba nas comarcas situadas máis ao norte de León (A Cabreira, Babia, Ḷḷaciana, O Bierzo oriental ou Oseya) e na Seabra zamorana, mais hoxe a lingua desapareceu nesas zonas e só existen pequenos restos no léxico. Ten relación co asturiano o castúo, o dialecto falado en Estremadura, hoxe practicamente desaparecido. Alén as fronteiras españolas, é falado nos concellos de Miranda de l Douro e de Vimioso, situados no distrito de Bragança (Portugal).

-O portugués. Como? Que se fala portugués en España? Pois si. E non son os que van vender mantas a Badajoz: son habitantes con D.N.I. español e administrativamente españois, mais de fala portuguesa. É falado na Bouça e na Alamedilha en Salamanca; en Valência de Alcântara en Cáceres e en Olivença en Badajoz. Por que non se fai oficial esta lingua? Teñen medo que Portugal reclame os seus dereitos incumpridos por parte de España sobre Olivença? Onde máis se fala? Portugal, Brasil, Cabo Verde, São Tomé e Príncipe, Angola, Moçambique, Timor Leste, Guiné-Bissau e tamén pequenas illas de falantes autóctonos en Sri Lanka, Macau e Goa.

-O catalán. Lingua falada na parte leste do Estado Español. Fálase en todo o territorio de Catalunya agás o Val d'Aran, na franxa leste de Aragón, en toda València agás a zona máis occidental e a parte extrema sur de Alacant, en El Carxe (Murcia) e nas illas Balears. Alén o Estado Español, é lingua autóctona en Andorra, no Rosselló (Francia) e en L'Alguer (Sardeña). Logo do castelán, é a lingua con maior número de falantes do Estado.

-O aragonés. Outra máis para a colección. Poderala escoitar en Huesca (Uesca en aragonés). Moi ameazada, fálase principalmente no norte da provincia, aínda que tamén se estende ás comarcas do sur da provincia xa de xeito castelanizado.

-O occitano. No Val d'Aran, no extremo norte de Lleida (Lhèida en occitano), atópase a representación desta gran lingua no Estado Español. É coñecida alí familiarmente como aranés. Está recoñecida oficialmente en Catalunya, non sendo dese xeito admitida a nivel estatal. O seu uso esténdese por todo o sur de Francia (agás nas zonas de fala éuscara e catalá), polos Vales Occitanos italianos, Mónaco e en La Gàrdia (Calabria).

-O éuscaro. Lingua oficial recoñecida falada en toda Gipuzkoa, máis da metade oriental de Bizkaia e o norte de Araba. Tamén é a lingua autóctona da metade norte de Nafarroa. Fóra do territorio do Estado Español é empregada en Iparralde ou País Vasco Francés (Francia).

-O árabe. Unha das linguas con maior extensión do mundo tamén é autóctona de Ceuta, pertencente ao Estado Español. Deberían pensar os políticos que se non se acepta a oficialidade desta lingua, pódense ir despedindo deste enclave africano.

-O bérber. O bérber évos a lingua propia de Melilla. O dialecto que se emprega nesa cidade é o tarifit. O mesmo que dixen para o árabe dígoo para o bérber.

Daquela que? Se hai dez linguas por que só catro son oficiais? Hai varias razóns dende o meu punto de vista. A primeira e principal: non interesa a recuperación ou oficialización destas linguas porque pode dar dores de cabeza á política española, tan obsesionada na unidade de España e o centralismo no espírito do castelán. Sexamos sinceros, queren que o castelán sexa a lingua de todo o Estado para poder así manter esa estúpida unidade que nunca existiu e dese xeito poder meter man a eito por todos lados. Divide e vencerás. España: cega, xorda, muda. Outras cuestións son a económica ou a relixiosa. Economicamente non interesa porque recoñecer unha lingua de xeito oficial conleva unha serie de gastos que hoxe por hoxe non están dispostos a desenvolver (apenas o fan coas linguas oficiais). A relixión vai vencellada desta vez á política, pois a oficialización do árabe levaría a unha posible concienciación de Ceuta e á súa apertura (oficial) ao Islam e a Marrocos.

Quero opinións, xente. Veña, lerchade!

7 comentários:

fgul disse...

quíto o sombreiro da miña cabeciña... e saúdo ao Moncho. Vou facer unha entrada exclusiva no meu blog para enlazalo a esta d´Os Mares...

O dos chourizos xa sabes... cando voçê queira ou poida.

Saúdos

fgul disse...

ei; e fáltache o ingles de Gibraltar, tio

Moncho Pais disse...

Obrigado, Manoel. O dos chourizos hai que facelo. Alugar algunha casa rural e facer un contubernio.

Sobre o inglés de Gibraltar, non o mencionei por estar fóra do Estado Español, que é do que estaba a falar. Ademais, pódese considerar autóctono? Habería que facer un debate para estabelecermos o límite de cando unha lingua é autóctona ou non (500 anos de presenza ininterrumpida valería ou menos?).

Tampouco falei dos calés castelán, catalán e portugués dos xitanos nin do ladino ou xudeu-español por non teren un territorio fixo os primeiros e por estar fóra actualmente do Estado o segundo (en concreto Marrocos, Exipto e Turquía principalmente).

Un apreixo forte.

Unknown disse...

O castelán está ahí, e din que está sendo perseguido polos "dialectos regionales".
Eu son castelán-falante e atopo menos problemas nunha cidade como Vigo cós galegofalantes. É así. Cidade onde por certo está a tipa da Plataforma "Galicia Bilingüe" e que non para de se queixar do abafante da presión do nacionalismo. Cidade que ten menos dun 12% de falantes da língua galega. Manda carallo...
Os medios estatais falan de "liberdade lingüística" e capacidade dos pais para elixir. Pero para facer dita escolla propoñen regras (ver "El Mundo"): 1)Que se eduque totalmente en castelán como unha opción porque hai xente que "non entende", ou que quere "ser moderna" e aberta.2)Educación bilingüe na outra opción (en galego total nunca porque é deber coñecer o idioma de "todos"), 3) Os cartaces deben de estar en castelán, non vaia ser que os turistas non entendan, e fiquen perdidos no monte. 4) Cando haxa alguén no parlamento autonómico que non entenda, hai que falar na "lengua de la nación". 5) Os sinais de tráfico tamén en castelán, non vaia ser que caian ás leiras os de fóra por non entender. Coitadiños!!
A cousa c¡non acaba alí, logo dan consellos: estudar matemáticas, física ou química en galego, catalán ou éuscaro dificulta o seu entendemento polas "limitacións" ciéntíficas destas línguas e a súa necesidade de importar neoloxismos descoñecidos para a maioría; aprender nun idioma "regional" fai que non se coñeza ben o "español", e se perda capacidade de comunicación ao relacionarse co mundo...etc, etc...En fin que vencellan ao galego co atraso, e ao castelán co futuro.
Cando está comprobado que saber galego ou catelán é coñecer mellor o latín, e mesmo escribir mellor en castelán. Coñecer outra lingua, é outro xeito de ver o mundo.
Un escritor francés (natural de occitania claro) dixo que cando desaparecía unha língua, era como "botar unha bomba no Louvre".
O castelán é moi potente e non ten ningún problema. A variedade de España hoxe non é maioritaria e ten que se abaixar ao de América. Ten que aceptar os seus formalismos como sinónimos e volver a re-importar pravoas antergas xa esquecidas que ficaron nas verbas latinoamericáns. Perdidas por mór dos vulgarismos madrileño-andaluces actuais espallados pola televisión. O castelán así pasou a ser "madrileño-andalúz" (ao igoal co Portugués, lisboeta consonántico)
Fálase moitísimo mellor en lugares como Colombia cá na propia España.

Logo co tema das linguas da penínsua non hai remedio, respostan cousas como: "Si y también se habla inglés y chino, no te jode?..." Hai unha falta de entendemento do que é língua NATURAL e PROPIA dun sitio co que se fala na actualidade.
Eu dou por feito que moita xente endexamáis entenderá maís alá da súa mente monolingüe influida que ás poucas sabe botar tres palabras en inglés pola súa boca. Analfabetos!!!
Cómpre desviar as bombas que van cair no Louvre cara outro lado, non é?

FLORENTINO LÓPEZ CUEVILLAS

FraVernero disse...

Castelán antigo, e sen evolucionar, é o coñecido ese teu que flipou coa variedade lingüística do estado...

A diversidade lingüística da península é grande (máis tendo en conta a evolución histórica, tan fragmentaria, da península) mais entra dentro do normal, incluso en Europa Occidental (sen termos que ir a Papúa Nova Guinea, onde conta con alomenos 50 línguas!). Normal é tamén a represión, claro. Dende a formación dos estados-nación, no XIX, e xa cunhas tradicións uniformizadores séculos anteriores, o estado buscou sempre reducir a diversidade, desprezala, crear 'un pobo, unha língua, unha nación', alí onde había unha diversidade multiforme de difícil encadramento.

O triste está en que a trancas e a barrancas, e cos seus mecanismos cada vez máis efectivos e perfeccionados, os estados rematen por gañar as batallas contra as línguas. O francés parece que recúa algo, mais a desfeita que fixo co Occitano, co vasco, co bretón, apenas ten volta. Cada língua que morre é vítima dun xenocidio cultural imperdoábel!

No caso peninsular, igualmente, hai futuros negros de varias velocidades. Astur e Aragonés van en caída libre, nós en caída moderada, vascos e cataláns parece que resisten... xa veremos se podemos contra o Leviatán do español!

rui disse...

Jelou, é a primeira vez que entro no teu blogue, así, cheguei rebotando e gustoume este post, tampouco eu caira na conta de que había tantas, pensei que ías subdividir o catalán en valenciano e mallorquín ou algo polo estilo.

A variedade lingüistica pódese asimilar á biodiversidade, o máis sinxelo de xestionar é un terreo de monocultivo, perfecto para os governantes. Pero xa se ten a experiencia dos perxuizos que acarrea, o home xoga ca natureza e como non ten todos os parámetros controlados sempre lle chega un parásito que lle fode o invento. A diversidade, é un ben que debera tentar conservarse, non eliminar da ecuación as variables pequenas que non entendemos, que nos estropean o resultado exacto e sen decimáis piollentos. É a manía de simplificar todo para que sexa tal e como entendemos que debe ser, non como en realidade é. Empobrecéndonos por ignorancia.

Moi instructivo o post, Saúdos

Anónimo disse...

Aqui cheguei através do blogue do amigo Manuel Rodrigues, e em boa hora o fiz, pois, apaixonada pelo estudo das línguas - especialmente, pelo das línguas Ibéricas, tantas, tão pouco e mal divulgadas, e tão ricas, na sua individualidade - achei este artigo excepcional! Aqui lhe deixo um entusiástico BRAVO!
Saudações de além-Minho,
Alexandra