terça-feira, 30 de setembro de 2008

Questões!

O primeiro, desculpas aos lectores (en especial os sectores máis radicais e esixentes) pola demora. Digamos que o meu computador morreu e tiven que o resucitar, e iso levou o seu tempo. Por fortuna o milagre virou realidade a resurrección e velaquí me tedes de novo ao teclado. Teño mil ideas na cachola que irei debullando nos próximos días. Hoxe vou responder a unhas cuestións espetadas (literalmente) polo sempre xigante FraVernero para cumprir a miña obriga de cabaleiro autoproclamado. Procurarei ser conciso, cousa difícil en min. Velaí as van!

I) Que canción che gustaría escoitar?
Home... como gustar gustaríanme unha chea delas. Se te refires a cancións que xa coñezo, pois dígoche algunhas que sempre estou disposto a escoitar por pór mostras. Keltia, Espellismo ou Os druídas de Taranis; Onde a loita se chama As Encrobas ou Mil nove 36 de Xenreira; e Esmorga nas Crechas, Algo vai mal ou Rogha liadroma de Alecrín. Se ao que te refires son a cancións que nunca escoitei pero que me gustaría poder escoitar, pois calquera do disco Galicia canta, publicado en Venezuela fóra da censura franquista, onde participan varios cantautores galegos da Nova Canción Galega.

II) A que libro lle botarías un ollo?
Botaríallelo e, de feito, vóullelo botar a Binomio de Newton de Cándido Pazó (Baía Edicións) e a As douradas sílabas de X. M. López Ardeiro de Suso Sambade (Editorial Toxosoutos).

III) Con quen che gustaría falar?
Agora mesmo con quen máis me apetece falar é co Manuel L. Rodrigues e co FraVernero a carón dunha lareira mentres guindamos uns chourizos envoltos en papel de aluminio nas brasas... doce recendo a fume de loureiro e chourizo asado!

IV) Que che gustaría comer?
Buh! Vaia pregunta! Co larpeiro que son... Botelo con cachelos e repolo cocido, polbo á moda da feira (imprescindible a boa compaña, por favor), a ensalada rusa e o arroz con polo que fai a miña nai os días de festa (eu non sei que carallo lle fai que me sabe a gloria!) ou os tallaríns Thai polo que fan no restaurante tailandés Bangkok da rúa Bordadores de Madrid.

V) Que farías e que che quedaría por facer?
Tería que buscar algún xeito de fuxir das miserias e vaidades que produce o mundanal diñeiro: a dependencia del. Iso implicaría directamente nun substancial aumento de tempo libre que posibilitaría facer cousas. O que faría? Tantas cousas faría... Recoller a microtoponimia de Viceso; aprender gaélico irlandés; viaxar e peneirar ben Os Ancares, O Courel, O Xistral, O Eixo e O Xurés/Gerês; aprender a tocar a gaita; ler os libros da parte alta do andel da miña casa; botar faladoiros infindos cos compañeiros e amigos; prender lume a unha bandeira española no Día das Forzas Armadas diante do exército e saír vivo do conto; buscar a Biblia Galega perdida en Armenia; rebentar e decapitar o capitalismo; etc. Boeno... o típico, non?

Aproveito para facer mención á xustísima reclamación que está a facer o Col·lectiu Republicà del Baix Llobregat para pedir o desagravio de Lluís Companys por parte de Francia e Alemaña. Como sabedes, Companys foi detido pola Gestapo en Francia no ano 1940 e posto en España diante dos lobos fascistas. Alemaña pediu desculpas. Francia négase a o facer. Foi só culpa de Alemaña? Eu vexo clara a contribución francesa para o capturar... ía ser molesta unha República Catalá para Francia, sobre todo cando parte do seu territorio é de lingua, historia e culturas catalás. Mais que se pode agardar do Estado Francés? Comprensión? Érache boa! Aí queda o trasacordo no ar. Un apreixo!

domingo, 14 de setembro de 2008

Sangre Cavallum


Hoxe voulles presentar aos que non os coñezan ao grupo portugués Sangre Cavallum. Eu xa os coñezo dende hai ben tempo, mais hai pouco atopei buscando outras músicas unhas gravacións súas non oficiais anteriores ao seu primeiro traballo, o cal me fixo voltar escoitar os seus discos e lembralos. É un dos meus grupos portugueses preferidos, aínda que o seu estilo musical sexa moi persoal e escuro.

Sangre Cavallum naceu en 1997 en Penafiel, no Vale do Sousa, pretiño do Porto. O seu xeito de tocar é impecable e moi atractivo. É unha especie de folk escuro, pouco habitual, que camiña cara ao estilo industrial. Un neofolk estraño e particular. Para os non afeccionados a esta música pode deixalos un chisco fóra de lugar, coma perdidos; mais unha segunda escoita descubriralles unha nova visión. É música para escoitar polo miúdo e tamén para ambientar. Dálle un airiño xeitoso ao ambiente mentres traballamos ou escribimos entradas para o caderno :-) Quizabes sexa o máis complexo a comprensión. Falan polo baixo, paseniño, afogados nos instrumentos, coma se fosen voces doutro tempo que voltan aos mundos actuais coma murmurios.

Sangre Cavallum son celtas. Adoradores dos celtas galaicos e lusitanos. Eles mesmos se consideran descendentes directos dos nosos devanceiros castrexos. Baixaron da citania e mudaron as súas espadas e puñais de antenas por instrumentos musicais. Empregan instrumentos tradicionais galego-portugueses, aínda que tamén permiten o uso doutros coma o baixo, a guitarra e sobre todo os sintetizadores, que lle dan a súa característica atmosfera escura. Ninguén sabe quen son. As poucas fotografías que hai deles son con máscaras do antroido tradicional trasmontano e sempre con túnicas negras. Apenas hai entrevistas ou concertos. Isto é lóxico, pois é posible que sexan os derradeiros castrexos vivos adoradores da sempre sedenta de sangue deusa Nabia Corona. Gaban e eloxian o xeito de vida castrexo: xentes con moito valor, ousados, fortes e cunha mitoloxía e relixión moi mesturadas nos seus costumes e interpretación da vida e a morte. Rachan e queiman os dous mil anos de tradición cristiá que transformou o culto galego-portugués, mudando os deuses castrexos polos santos cristiáns. Teñen á Galiza moita estima. Como é lóxico, considérana "a cabeza perdida de Portugal" e entra dentro da súa patria: Callæcia. Tamén fan referencias ao Eo-Navia e ao Bierzo (non nos esquezamos nunca deles).

O seu primeiro traballo foi Alborada do Douro, editado por Forgotten Blood no ano 1998. É unha edición caseira, única e numerada. Editada en casete, leva por lenda Cantares da terra castreja. Hoxe case imposible de conseguir. Ten temas míticos coma O vento galego, Limia, Satana Satão, Jabali soberano ou Primabera. Logo saíu o seu segundo disco, Barbara Carmina, no ano 2004 co selo Storm. Xa editado en CD, o son mellora moito e a calidade tamén. No 2006 saíu Pátria granítica co selo austríaco Ahnstern, un disco que os consagra e os pon ao máis alto nivel (recoñecemento internacional). No mesmo ano, saíu un traballo compartido co grupo austríaco Allerseelen, chamado Barco do vinho, disco adicado ao viño e idea xurdida das viaxes de Gerhard Petak (Allerseelen) á Gallæcia, ao que Sangre Cavallum lle deu un aire de rock progresivo para combinar mellor con Allerseelen e non escarallar o traballo, algo moi posible neste tipo de discos compartidos (e algo que non pasou neste por fortuna). A finais do ano pasado (2007) voltou á escena co seu disco Veleno de teixo, na mesma liña do mítico Pátria granítica, mais xa cunha produción totalmente profesional. Como sabedes, o teixo é unha árbore sagrada para os celtas e son famosas as mulleres castrexas que se suicidaban coa beberaxe feita a partir do veleno desa árbore alén de asasinar os seus propios fillos antes de caeren escravas polos romanos. Xunto a Veleno de teixo saíu Troadouro, un recompilatorio duplo dos seus mellores temas e outros inéditos, desta vez baixo o selo portugués Folcastro. Para os coleccionistas saíron os dous discos nunha edición especial chamada Retrospectiva 1997-2007, co tríscele de Castromao (Celanova) por portada.

Rematando: un grupo imprescindible. Aínda que non gostedes do folk escuro, neofolk ou folk psicodélico escuro, como lle queirades chamar, este havos gustar. Gustaravos pola súa calidade musical e tamén pola temática, tan próxima a nós os galegos: a Callæcia e os seus costumes. Todos os discos valen a pena. A min encantáronme. Se tedes a oportunidade de os conseguir ou os escoitar, non a perdades.

Un apreixo, irmáns!

sábado, 6 de setembro de 2008

Brillo de anxos

BRILLO DE ANXOS

Eu quero ter brillo de anxos
e mapoulas das galaxias máis afastadas
para todos os que agora están chorando

nas esquinas medoñentas de Caracas.

Quero ter unha lumieira infinda,
que se vexa Celso Emilio dende a nada,
e chorarte meu poeta de por vida
no pranto aterrado da guitarra.

Somentes xorden notas tebregosas
dende o fondo máis escuro do meu pranto.
Eu quixera non chorar, poeta, tanto
e adicarche verbas coma rosas.

Nas esquinas impotentes do meu corpo
sinto un frío de baleiro interminábel
e agora queda un vieiro intransitábel
no intre exacto en que estás morto.

Deica logo Celso Emilio, longa noite,
entre as tebras que envolven e asulagan,
onde habemos atoparnos cara a morte
ceibes xa de agoreiros e pantasmas.

Somentes xorden notas tebregosas
dende o fondo máis escuro do meu pranto.
Eu quixera non chorar, poeta, tanto
e adicarche verbas coma rosas.

Nas esquinas impotentes do meu corpo
sinto un frío de baleiro interminábel
e agora queda un vieiro intransitábel
no intre exacto en que estás morto.

Deica logo Celso Emilio, longa noite
entre as tebras que envolven e asulagan,
onde habemos atoparnos cara a morte
ceibes xa de agoreiros e pantasmas.


segunda-feira, 1 de setembro de 2008

O habitante medio de Pozuelo de Alarcón

Hoxe vou falar do perfil do habitante medio de Pozuelo de Alarcón, localidade madrileña abondo coñecida pola súa alta renda per cápita.

Pozuelo de Alarcón sempre estivo moi relacionado coa cidade de Madrid. Na súa orixe a poboación autóctona adicábase á agricultura e á gandaría. Tamén había curtidoiros e, por suposto, xente que ía traballar á cidade. Foi a finais do século XIX cando comezaron a se contruíren as primeiras casas e residencias de "veraneo", grazas á mellora das comunicacións vía tren. As primeiras urbanizacións importantes de vivendas foron feitas nos anos 1920, mais non foi até os anos 1970 cando comezou a mudar radicalmente a súa face. Comezaron a se instalaren empresarios fortes, executivos e xente que tiña uns traballos de grandes ganancias económicas. Iso levou á creación de urbanizacións e vivendas particulares cada vez de máis de luxo e cada vez máis numerosas. Nunha segunda fase xurdiron os parques empresariais, que tornaron á vila cun aspecto claramente comercial e de servizos.

Municipio veciño de Madrid, a primeira sensación que un ten ao pasar o lindeiro municipal madrileño é a de limpeza e luxo. Indo pola estrada coñecida como Arroyo de Pozuelo cara o centro da vila pode un observar á súa dereita un dos parques de Aravaca, barrio estremeiro madrileño lindante con Pozuelo. Meterse neste parque pode ser unha auténtica aventura: arbustos a invadir os camiños, cagallóns de cans a eito por todos lados, un cheiro terrible a unha mestura entre merda e po de contrución, lixo en cada recanto, a herba sen cortar e logo está un rego chamado de Pozuelo practicamente seco e contaminado de material de obras, verteduras de lixivia e tubos a botar un estraño líquido castaño. Isto é así até o límite municipal de Pozuelo, onde a herba volta ser verde, está cortada, non hai merdas de cans e o rego está limpo, sen contaminar e ás veces mesmo parece ter auga. Se ollamos os faroles das beirarrúas poderemos observar de novo o fenómeno: os de Aravaca están vellos, funcionan a velas vir e aluman dun xeito pobre. Os de Pozuelo son modernos, cun deseño moito máis elegante, aluman cunha luz máis potente pero limpa e noviños do trinque... abofé!

Segundo nos imos internando no municipio podemos ver inmensas mansións e urbanizacións de luxo a eito. Sorprende ver unha casa de lousa acastañada (pedra sacada posiblemente da Maragatería ou da zona oriental berciana) no medio dun val desértico como o é esta paraxe. Coches de luxo e deportivos correndo coa capota aberta polas estreitas rúas; centros de lecer, deportivos, escolas e gardarías aló onde olles; etc. Un pode pensar "vaia, vívese de moito carallo acó, nótanse os cartos". Certamente, cartos hai. É ben visible. Mais de quen son os cartos? Imos ver o lado negativo deste municipio. Limpo e ordenado xa sabemos, ou iso semella, que está. De vinte e seis gardarías que hai, vinte e dúas son privadas. De dezaoito colexios, once privados. Centros de lecer e deportivos, moitos, mais todos de pago... e non asequibles precisamente.

En canto un profundiza un chisco na psiqué dos habitantes de Pozuelo descobre que todo é mentira, engano e falsidade. Para iso abonda con ir a unha das rúas máis mercantís, chamada Avenida de Europa. Abonda con botar un paseo dunha horiña para nos decatarmos de como é a xente. O primeiro que sorprende é a cantidade de tendas e negocios abertos que hai nas rúas... e a cantidade de xente que camiña sen présa a fitar para os escaparates. A calquera hora do día. A xente que camiña adoitan ir con meniños e todos ben vestidos. Sempre con roupa de marca (re)coñecida. É sinxelo observar mulleres todas enxoiadas a pasear os seus cans, sempre de raza (re)coñecida. Os cans adoitan iren vestidos con xerseis. Tamén se poden ver cans coas unllas lacadas, perrucarías de cans, cans coa manicura feita, cans con diademas, cans con pendentes ou con laciños, etc. As mulleres tamén van con todo tipo de complementos, polo xeral xoias moi vistosas douradas, gafas de sol postas enriba do pelo, maquillaxe a caldeiros e o cabelo tinguido de loiros de escándalo. O coche medio da zona é un Mercedes, ou un Audi, ou un BMW, ou un Ferrari, ou un Lamborghini ou un Jaguar. Non verás moitos Fiat, Seat, Citroën ou Peugeot. Outra das cousas que verás son moitas bandeiras españolas: colgadas nas fiestras, nos comercios, nos coches, nas correas dos cans e, por suposto, en camisolas, pins, bufandas ou mesmo cintos. Son moi españois. E sono ademais (re)coñecidamente. É sinxelo ver altos mastros e enormes bandeiras nas prazas ou nas rotondas. Iso si, que non haxa dúbida ningunha de que son españois. Non vaia ser que os confundan con portugueses ou con ecuatorianos. Logo de botar un ollo aos coches e ás tremendas (tremendas de maquilladas) rapazas que baixan deles, coma se fosen modelos de alto nivel, o mellor que se pode facer para rematar a xornada é tomarlle un café. Por exemplo na praciña que está tras a igrexa, un dos lugares máis concorridos, sobre todo ao saír da Santa Misa. Tanta é a modestia destas santas xentes que á súa igrexa lle chaman Catedral de Pozuelo. Neste intre delicioso podemos ouvir as conversas da xente normal deste ningures. Estresados empresarios que se aburren de non ir polo seu propio negocio e ríndose dos seus empregados; xente falando do moito que gañan e do último que mercaron; mulleres snobs falando de cans e de moda e roupa; grupos de amigos ríndose e insultando polo baixiño ao camareiro que lle acaba de pór candanseus cafés por ser sudamericano; familias que se xuntan para falaren das súas vacacións de verán en hoteis de super-luxo nas illas Seychelles, no Caribe, en EE.UU. (onde estudan os seus fillos), en Singapur ou na casa de Cristo; etc. Quizais esaxero, a xente nova non vai a eses destinos. Só van a Suíza a esquiaren, a London aprender inglés e a Noruega veren os fiordos. Seica hai algún que foi a Xàbia, pero non o podo confirmar.

Pagando o café (1,80 € un café con leite, 2,10 € un té normal) podemos virar cara a igrexa. Veremos familias unidas pola Santa Fe, saíndo ledos do templo. Veredes o que vin eu, unha das cousas que máis me sorprendeu e que non vin en ningures. Os pais dos pícaros, para se dirixiren a eles, falan primeiros cos seus sudamericanos criados e titores (sempre van cos nenos) e unha vez transmitida a mensaxe, estes dínllelo aos rapaces. Os pais non falan cos seus fillos! Ben é certo que non é o máis habitual, pero eu vino. E vino máis dunha vez. Logo de botar uns rezos e de escoitar ao cura loando a Jiménez Losantos, que debe ser o novo Papa, decido voltar á inmundicia de Aravaca.

O habitante medio de Pozuelo é un home rico. Empresario veterano de familia rica ou fillo de empresario rico. Non adoita traballar. Xa traballou o seu avó, agora a el tócalle rañala. Adoita ser racista cos estranxeiros, polo xeral sudamericanos, chineses ou africanos; mais sempre contrata sudamericanos para que lle limpe a casa e coide os nenos. Saen moito máis económicos. Sempre vai ben vestido e olla por riba do ombreiro á xente que non vai coma el. Posúe sempre o coche último modelo: máis rápido, máis caro, máis avanzado. Iso a pesar que todo o municipio está practicamente limitado a 40 km/h O seu tema de conversa favorito son os "grandes negocios" (que nunca van á práctica), os coches, as viaxes e as mulleres. Tamén gusta de falar de política: da inmigración e dos nacionalismos, que seica van destruíren a Santa Unidade Española. A muller pola contra é diferente. En primeiro lugar, adoita ser un parasito, isto é, vive do home. Pero víveche ben. Ten todo o día para ir de cafetarías e falar coas súas amigas de roupa, cans e viaxes. Están dacordo cos seus maridos nas opinións sobre política, aínda que non saben moi ben do que falan, é dicir, non saben nada do que falan. As máis delas van ao ximnasio para se manteren en forma e ollar para o atractivo e xove adestrador. Sempre van moi enxoiadas e conxuntadas: botan o día a se prepararen. Falan do malas que son as sudamericanas (as mesmas que están a coidar dos seus fillos nas casas mentres elas toman o café coas amigas), as árabes e as amigas que non están presentes na xuntanza. Non teñen moitas máis preocupacións... nin temas de conversa. Ambos, home e muller, son cristiáns, españois (moito) e elegantes. Os pícaros, uns egoístas e maleducados repipis. Grosos por parte pai e estúpidos por parte de nai. Non se lles pode botar a culpa: copian o que ven. Gústanlles a xente coma eles. Tamén os membros do Opus Dei, xente de ben. A outra non, é moi soez (enténdaseme: ordinaria). Non lles "interesa". Os dos Citroën e Seat son uns perdedores. Uns mortos de fame. Iso de traballar todo o día... onde se viu!


Eis o habitante medio de Pozuelo, a salvación de España.

sábado, 30 de agosto de 2008

Grupo de Acção Cultural Vozes na Luta


Hoxe aconteceu algo realmente extraordinario. Estiven fuchicando polas redes P2P e en concreto polo SoulSeek, un programiña semellante a un chat en que cada usuario comparte uns ficheiros á vista da xente. Na miña constante procura de música galega e novas experiencias musicais decidín investigar un usuario ( [nocturna] ) que posuía, segundo o buscador de ficheiros, discos galegos. Vaia sorpresa levei cando vin que era do Brasil e que tiña unha cantidade de música portuguesa abraiante!

A primeira sensación que dá é a de desorde absoluta. Non se atopa nada do que un busca. Mais remexendo e estrebellando atopei, para a miña sorpresa, a discografía do Grupo de Acção Cultural Vozes na Luta. Até hai apenas seis meses nin tan sequera os coñecía. Foi un día que a deusa Fortuna quixo que fose botar un ollo á libraría Follas Vellas de Compostela, onde venden cousas de segunda man: libros, revistas, discos, vinilos e cousiñas varias. En verdade a nivel de música a tenda perdeu moito. Apenas se atopa algo interesante e adoita estar todo abondo peneirado por coleccionistas. Hai catro ou cinco anos cheguei a dar con auténticas xoias. O caso é que hai uns seis meses mirando o que había chamoume a atención un vinilo do ano 1975 dun grupo chamado GAC Vozes na Luta e que se deu en chamar A cantiga é uma arma. A portada do traballo era un exército do pobo movéndose firme cara adiante coa bandeira comunista ben alta. Ao viralo para confirmar os meus presentimentos puiden comprobar os tremendos títulos dos temas: A luta dos bairros camarários, Alerta!, A cantiga é uma arma, Em vermelho, em multidão ou Viva a Guiné-Bissau livre e independente. Aínda por riba o prezo desta descomunal obra era de tan só dous ouros. Non o puiden evitar. Leveino para a casiña, mais como non teño reprodutor de LPs nunca o puiden escoitar. Até hoxe. Hoxe, grazas a [nocturna], tiven o pracer de os escoitar. As primeiras cancións son, literalmente, discursos antifeixistas e a prol do movemento social e de esquerdas. O resto dos temas son cancións musicadas con idéntica temática. O certo é que vistos dende hoxe, resulta obvio aos ouvidos que as letras son demagóxicas e moi tópicas, mais é un fiel espello que resume aquel tempo. Recén saídos da ditadura de Salazar, comezaron a agromar grupos de temática marxista, leninista ou de esquerdas coma cogomelos nunha carballeira allaricense no outono. O GAC Vozes na Luta foi un máis, coa diferenza que tiña certa calidade musical. De feito, o creador deste grupo foi o xenial José Mário Branco, galego (si, galego) do Porto, un dos músicos máis importantes da época, perseguido en Portugal e exiliado en Francia do ano 1963 ao 1974. Nos seus inicios só tocaban para animar calquera acto político, folgas ou manifestacións. Logo, tras algunhas baixas de membros do PCP e do LUAR, foi indo polo seu rego até chegarmos a este A cantiga é uma arma. Logo sacaron outros tres LPs máis. O seguinte (Pois canté!!) foi un disco radicalmente diferente, enfocado desta quenda cara a música tradicional (moi consultado por grupos como Raízes, Vai de Roda ou Brigada Víctor Jara). Os seus dous derradeiros traballos (Vira bom e Ronda da alegria) voltaron ás orixes e son moi semellantes á liña primixenia.

Só houbo dúas figuras que foron quen de rachar esta paupérrima calidade musical da música de protesta comunista (ou de esquerdas, como se queira) portuguesa. Unha foi José Afonso (o Zeca), o máis importante cantautor e músico de Portugal. Sobran verbas para este home. Sempre soubo manter a calidade das súas obras e afastarse do pasaxeiro. O outro, que rachou definitivamente con estas correntes, foi Sérgio Godinho. Supoño que coñeceredes esa canción mítica que di (tantas veces posta no Avante!) Hoje venho eu aqui falar duma coisa que me anda a atormentar...

Rematando. O GAC Vozes na Luta foi un dos poucos grupos musicais portugueses de corte comunista de calidade musical, a pesar das súas letras prefabricadas e demagóxicas. Antes de que Sérgio Godinho dese co candil, eles eran a luz. Os temas que teñen musicados son dun ritmo moi apegadizo e as letras son bastantes rancias (entendamos rancias coma algo positivo, en xiria universitario-nacionalista compostelá. Outro día abro un post tentando aproximar o significado deste concepto). Destaco os seus himnos Alerta! e Em vermelho, em multidão, cantos á loita (con armas!) contra o capitalismo e o burgués, e o Viva a Guiné-Bissau livre e independente, canto a prol da independencia das colonias portuguesas con ritmo africano.

Se tedes oportunidade de os escoitar, non a perdades. Unha aperta!

terça-feira, 26 de agosto de 2008

O menosprezo de George Steiner por nós

Hoxe sentinme ferido, aldraxado e agredido.

Leo francamente abraiado e alporizado no xornal El País unha entrevista que lle fixeron a George Steiner, xudeu de orixe vienesa nado en Paris que se adica a escribir libros sobre si mesmo na etapa final da súa xa longa ―excesiva, digamos― vida. Este home, considerado un xenio por algúns, premio Príncipe de Asturias no ano 2001, decidiu abrir o seu corazonciño e a súa cabeciña ao mundo español nunha entrevista desnortada, alucinante e sangrante. Nela di auténticas marabillas (tivo que escachar a testa para dar con esas conclusións!). Cando o IRA decidiu deixar as armas, o insigne profesor prediciu a fin tamén da ETA. Como, en efecto, a ETA aínda está a actuar, admitiu o seu erro magoado diante do xornalista. O xornalismo pregúntalle que posibles causas hai para que o movemento armado vasco continúe a exercer a violencia. A resposta de Mister George Steiner non tardou. Comezou a maxinar que a ETA non pode desaparecer porque os vascos falan unha lingua estraña, illada no mundo, que fai que non conciban nada ao seu redor, procedendo á violencia armada por mor desta "incompresión" do exterior. Estudemos este comentario:

Primeiro. Os vascos non conciben o mundo exterior e por iso son violentos. Segundo esta estúpida teoría, todos os falantes de éuscaro son violentos, é dicir, son etarras. Hai que arrestalos! Cadea perpetua! Pena de morte! Que vergonza...!
Segundo. Falar linguas estrañas íllate do exterior e fai que sexa incomprensible para ti. Non sei que pensarán os amigos vascos e navarros, pero a min o alemán, por exemplo, paréceme unha lingua estraña de carallo. Iso íllaos do mundo? Entón que fan en todos os mercados do mundo? Por que é unha potencia? Quizais iso explique o nazismo... quen sabe!
Terceiro. Os vascos non se comunican co mundo exterior. Refírese a Marte ou a Venus? Porque que eu saiba os vascos comunícanse cos habitantes de La Rioja... os cales, por certo, van traballar a Euskadi, onde os recibirán falando en éuscaro e a tiros, segundo o honroso profesor Steiner. Tamén disque que hai vascos que están fóra de Euskadi e non andan a tiros. Non sei... ao mellor son contos!

O xornalista abraiado (non sei se alporizado) pregúntalle se cre que no fondo da cuestión terrorista está a lingua. Vaia, se a violencia é por mor das linguas. A súa resposta foi un "quizais". E logo mudou de tema axiña. A un tema diante do que esperaba unha complicidade pola beira do xornalista. Unha chiscadiña. Di que ouviu que en España hai unha universidade que obriga a falar en galego. O xornalista di que é obrigatorio compaxinalo co castelán ao igual que se compaxina catalán e castelán en cadanseu territorio. Entón Mister George Steiner di que como vai comparar o galego co catalán. O catalán é unha lingua culta de gran tradición, en troques o galego é unha merda noxenta e cheirenta que non vale para nada. Que é imposible que sexa obrigatorio. Non lle cabe na cachola! O xornalista respóstalle que consideramos o galego como parte fundamental da nosa identidade, ao cal Steiner espeta que iso leva á rexionalización e á xenreira entre etnias. Ollemos e comentemos este anaco da entrevista:

Primeiro. É obrigatorio falar en galego nunha universidade de España. Por favor, que alguén me diga cal é, porque eu estudei na de Compostela e non era en absoluto obrigatorio. Aínda digo máis: de todos os meus compañeiros, falariamos en galego un 25%, e iso mexando por fóra do testo. Con respecto aos profesores, tan só había tres que falasen en galego en toda a miña carreira. O resto en castelán. Aos alumnos non nos obrigaban e a eles, lamentablemente, tampouco. Nin un mínimo legal se cumpría. Por certo, cónstame que nas universidades da Coruña e de Vigo tampouco é obrigatorio. Serao no campus de Ponferrada? Sería unha nova sorprendente para min! Ou talvez en Valladolid? Vaia, que erro cometín ao non estudar nesa universidade feliz e platónica (de amor). Quen soubese!
Segundo. Como se vai comparar o galego co catalán!? O catalán ten tradición e literatura. O galego serve para falar coas vacas máis nada. Cantas veces escoitei xa isto? É obvio, que Mister George Steiner, por moi bo filósofo e literato que sexa, non ten nin idea do galego. Semella incrible que un home desa importancia descoñeza as Cantigas de Santa Maria de Afonso X o Sabio ou as cantigas de amigo, amor e maldizer. A miña curmá sabe desas cantigas e non ten máis de trece anos! Será a miña curmá unha superdotada, un xenio, un talento? Mágoa que non exploten ese maxín. Nin o dela nin o de todos os seus compañeiros de clase, pois todos saben da súa existencia. Semella incrible que non coñeza a obra da xenial e fantástica Rosalía de Castro. Ou da voluminosa obra do padre Sarmiento (berciano, por certo). Ou de Curros Enríquez. Ou de Castelao, o grande Castelao. Ou do enciclopédico e moderno Otero Pedrayo. Ou do noso case nóbel Méndez Ferrín (aínda que non llo darán por falar unha lingua asoballada coma o galego). Que quere que lle diga, señor Steiner? É vostede un ignorante. Alo menos dixo que o catalán ten boa cultura, que é certo, oia.
Terceiro. O galego existe e iso vai provocar división étnica coma nos Balcáns. Vaia sorpresa, non sabía que se ía desatar unha guerra por mor da lingua galega. Vaia carallada! E como non a houbo ata agora? Porque cada vez fálase menos. Cando practicamente só se falaba galego (é dicir, hai trinta anos...) non había ningún conflito armado. E agora tampouco. Quizais teremos que agardar a que haxa 500 000 falantes tan só para coller as armas como acontece en Euskadi e Nafarroa (segundo a súa teoría). Pois non che sei. Faime sentir mal pensar que os meus pais e máis eu nos imos pór a matar españois por falar galego. Vaia arroutada nos daría! Como é posible que unha persoa de tanta sona e tan respectada compare o caso de Galiza cos Balcáns? Non ten nada que ver! Hai varias relixións en Galiza? Cantas linguas hai en Galiza? É igual a historia dos Balcáns cá galega? É un absurdo total e ferinte. Ademais, na súa querida e culta Catalunya tamén se fala outra lingua que vai rematar en xenreira étnica segundo a súa estúpida teoría. E de feito levan xa moito máis traballo adiantado ca nós e xa proclamaron repetidamente o seu desexo de autodeterminación. Non é iso contraditorio co cultos e "impresionantes" que son?

A cousa non hai por onde collela. Eu síntome hoxe mal, aldraxado, humillado e alporizado. Outra vez. Como tantas e tantas veces. Desprezado por xente que odia o que non coñece, por xente ateigada de ideas preconcebidas e desnortadas e por prexuízos agresivos e ignorantes. Este home non saíu da Caverna. Será a idade, que xa vai vello e non lle furrulan os miolos. Ser será, mais sempre saen perdendo os de sempre. Nós. Nós sempre aldraxados.

Señor Steiner, voulle dar unha idea. Vaia... unha reflexión coma as súas, pero quizabes con algo máis de fundamento. Non sei, pénseo. E logo non será que a ETA se fundou precisamente por mor de xente coma vostede, que despreza as culturas diferentes á súa? Cavile. Por que lle ha de interesar aos vascos o "exterior", cando o "exterior" é o que o maltrata e humilla? Non será iso o que os fai illarse? Non sei, sonche ideas que me xorden agora. É posible que estea errado. Ou non. Eu pola miña parte, se non lle importa, seguirei a escribir este caderno en galego, esa lingua sen futuro nin tradición literaria, seica. E non agardo moito máis de vostede. Tan só que deixe paso ás novas xeracións e que lle vaia mal polo Alén. Seica no inferno se está quentiño. Déalle un saúdo ao führer, o mesmo que o fixo fuxir cara aos EE.UU. cos seus pais xudeus e que fala esa lingua tan estraña chamada alemán.

Boa morte física, señor Steiner, pois intelectual xa hai tempo que morreu.

Quen queira ler o artigo completo de El País, pódeo facer picando nesta ligazón.

domingo, 24 de agosto de 2008

A teima imperialista soviética (ou rusa)

Estes días botan decote imaxes da nova guerra da Europa: a de Rusia contra Xeorxia. Coa excusa de protexer os intereses políticos dos osetios entraron en Xeorxia co seu exército dispostos a pór orde e a lle facer ver ao presidente xeorxiano Saakashvili (მიხეილ ნიკოლოზის ძე სააკაშვილი) que aí quen mandan son eles. En realidade os intereses políticos ou nacionais (aforrando verbas) osetios impórtanlles un carallo a Rusia. Lembremos se non como demostraron o seu interese por pobos no seu territorio como Chechenia ou a Osetia do Norte mesma. En realidade queren controlar esa zona para os seus intereses económicos (é dicir, posición estratéxica de Xeorxia, petróleo e gas) alén de castigar as miradas de esguello que lle fai Saakashvili aos EE.UU.

Un feito semellante aconteceu xusto hai corenta anos, tendo por protagonistas os soviéticos e os checos. A entón Checoslovaquia estaba liderada por Alexander Dubček, un eslovaco membro do Partido Comunista que comezou a primeiros do ano 1968 cunhas reformas para unha maior democracia, unha apertura económica cara Occidente e gañar unhas liberdades de expresión e de prensa que daquela estaban moi magoadas pola vella escola soviética. A estas reformas puxéronselle o nome de "socialismo de face humana". Isto creaba unha certa independencia de ideas de Checoslovaquia, o cal era unha ameaza para a URSS... mais tamén para Occidente, pois non era un sistema capitalista ao cento por certo: era un comunismo aberto, con maior participación do pobo e menos ríxido e estrito có soviético. Digámolo doutro xeito: unha probable terceira vía, onde o pobo gañaba liberdades e o Partido Comunista seguía a cortar o bacallau. A reacción soviética non tardou moito en xurdir. O 20 de agosto do ano 1968 entraron coas súas tropas xunto coas dos seus aliados do Pacto de Varsovia (agás Romanía) na capital Praha, apoiándose na doutrina Brézhnev, segundo a cal calquera movemento que se dirixise cara ao capitalismo nalgún país socialista, sería un problema non só dese país, senón de todos os países socialistas. Dubček e os checos sabían que era un risco moi grande levar adiante o proxecto, mais confiaron en que os soviéticos non se acollerían á doutrina Brézhnev.

O socialismo de face humana quedou paralizado e todas as reformas que se foron creando no seu leve período de aplicación foron sendo desfeitas unha a unha, voltando á disciplina soviética. Os países occidentais non actuaron nin fixeron ren, por mor desa desconfianza cara o novo sistema, que puña tamén en perigo o capitalismo tal e como se entendía e entende. Os que no seu momento apoiaron a causa tiveron que fuxir ou foron presos. Dubček foi secuestrado e "reeducado" en Moskvá (Москва). O máis sorprendente de todo é a reacción do pobo, que cría ver unha luz no horizonte co novo proxecto e ao veren os tanques soviéticas nas prazas de Praha botáronse á rúa e lles guindaren pedras e a abanear bandeiras checas diante dos seus fociños (coma agora se pode ver tamén en Xeorxia). Foi un movemento do pobo admirable.

Con isto conclúo. Todos os imperios caen. Caeu o imperio romano, caeu o imperio portugués, o inglés, o francés e o soviético. Tamén caerá o estadounidense e tamén, moi no futuro, o chinés. Mais a pesar de caeren, seguen a ter forza. A URSS desapareceu, mais Rusia é un país potente e segue a dominar a súa periferia coma nos vellos tempos. E non lle chista ninguén, porque Rusia é Rusia. Pobres minorías caucásicas! Canto terán que aturaren até se veren a carón da extinción!

quarta-feira, 20 de agosto de 2008

A toponimia das grandes cidades e dos estados


Irmáns!

Hoxe quixera falar sobre un tema que dá moito que latricar: a toponimia das grandes cidades e dos estados. Hai quen defende que as cidades grandes deben ter o nome na súa lingua autóctona e tamén noutras grazas á súa condición de internacional. Deste xeito, London, a capital do Estado do Reino Unido (nome moi suxerinte, por certo), é coñecido por estes lares como Londres; en italiano dise Londra (coma o mustélido que vive nas ribeiras dos ríos galegos); en bretón Londrez; en finés Lontoo e así un longo etcétera sen fin. Como se pode observar, o descontrol é moi significativo.

De todo isto só hai algo certo: o sitio chámase London, porque London é como se di en inglés, a lingua autóctona dese territorio. A esta posibilidade de lle chamar ás grandes cidades por diferentes nomes segundo a lingua que se empregue amarrouse o famoso ex-alcalde da Coruña Paco Vázquez. Na súa teima internacionalista (desculpen o emprego da honrosa verba) e apoiado do seu ―merecido?― título de sir, considerou A Coruña unha das meirandes cidades do mundo (que manda carallo!), co cal abría a posibilidade de lle chamar A Coruña ou La Coruña, a gusto do consumidor. Afortunadamente isto non foi adiante grazas á lei 3/1983 do 15 de xuño aprobada pola Xunta onde se expón claramente e con apoio absoluto que a única forma oficial e legal dos topónimos galegos é a da súa lingua: a galega. Xa sabemos o xogo do raposo no que andan algúns...

Quixera saber das vosas opinións sobre o tema. A miña é moi clara: cada sitio ten un nome, o da súa lingua autóctona. As cidades ou lugares con varias linguas autóctonas poden admitir varias posibilidades, tantas como linguas autóctonas teña. Isto fainos pensar que para que respecten os nosos topónimos na súa forma galega ―a única forma ética e legal, insisto― fóra do mundo pangalaico, nós tamén debemos respectar os topónimos estranxeiros. Á hora de falarmos é difícil evitar dicirmos A Bañeza no canto de La Bañeza, aínda a sabendas de que o correcto é La Bañeza. Isto é comprensible e non censurable no discurso familiar. Onde si é censurable é na escrita e mesmo no discurso formal. Debemos procurar respectar os topónimos correctos.

Outro tema máis complexo é do nome dos estados e países. Practicamente todos os estados son plurilingües. Só hai pequenas excepcións coma San Marino ou Liechtenstein. Nin tan sequera o noso querido Portugal é monolingüe (como sempre se pensou). É por iso que un estado pode admitir varias acepcións ou nomes para designalo. Tantos como linguas que teña. Mais, é lóxico chamarlle a un estado cun nome creado nunha lingua estraña a el? É lóxico chamarlle Rumanía (en castelán) ou Romanía (en galego) ao estado chamado România? Galego e castelán son linguas non autóctonas de Romanía. Non se fala galego nin castelán en ningures en Romanía de xeito autóctono. Eis o debate. É claramente lóxico chamarlle România (en romanés) ou Románia (en húngaro), pois ambas as dúas linguas son propias de alí. Pero se non o é en galego ou castelán, tampouco é lóxico chamarlle Alemaña ou Alemania ao que sería en alemán Deutschland...

Eu opino que no caso do nome dos estados pódese abrir a man e permitir empregar diferentes nomes segundo a lingua que se use, mesmo sendo alóctonas. Facelo doutro xeito levaríanos a unha dificultade enorme.

Agardo as vosas opinións!

sábado, 16 de agosto de 2008

Os mares de Irlanda

Meus queridos irmáns!

Benvidos a este meu caderno de bitácora. Esta vosa/nosa casa pretende ser un lugar onde botar agradables faladoiros e expor ideas, opinións, crenzas, preocupacións e impresións. Quere ser unha nau que nos leve por diferentes mares á procura do destino. Quere ser unha brisa doce e suave que nos bata na face mentres ollamos o horizonte afastado do mar sentados enriba do castro de Baroña. Quere ser a arpa de Emilio Cao, transportadora ao mundo dos soños e da realidade transparente. Quere ser un enorme fumeiro, descomunal, coma o Faro dos Brigantes, que boure e tronce as nubes dos días mainos e as obrigue a orballar, chuviscar e barruzar.

Ei, amighos, vaivos un café?


A sintonía deste noso caderno é o Valse do mencer do mestre Cao. Podedes baixar o disco enteiro na columna da vosa dereita.